Pestanas principais

O Concello de Ames axiliza os trámites administrativos grazas ao convenio de colaboración co Colexio de Xestores Administrativos de Galicia

Martes, 07 de febreiro de 2012

[07-02-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor Barreiro, e o delegado na Coruña do Colexio de Xestores Administrativos de Galicia, Luís Rivera Caramés, asinaron esta mañá no Concello un convenio de colaboración grazas ao cal se van a simplificar os trámites en materia de xestión tributaria. A cidadanía non terá que desprazarse ao consistorio para realizar o pagamento de tributos ao poder facelo a través dos despachos destes profesionais.

O obxectivo deste acordo de colaboración é mellorar as prestacións á cidadanía mediante a axilización dos trámites administrativos e a redución dos tempos de espera grazas á utilización dos procedementos telemáticos dos Xestores Administrativos. Mediante a este convenio, o Colexio de Xestores Administrativos de Galicia será o encargado de centralizar as autoliquidacións do imposto de vehículos de tracción mecánica que tramiten as xestorías administrativas, así como recibir a documentación requirida para a súa readmisión ao Concello.

Segundo o alcalde de Ames, o acordo permitirá avanzar "nun dos nosos obxectivos esenciais, axilizar e simplificar a relación dos veciños de Ames coa Administración". "É un adianto significativo que terá unha repercusión especialmente positiva nun Concello como o noso, cunha poboación nova tan importante", apuntou.

Neste sentido, Santiago Amor asegurou que "temos que saber aproveitar todos os recursos dispoñibles para facer máis sinxela a tramitación dos expedientes e, paso a paso, estamos a conseguilo". Neste labor, incidiu o alcalde, "a colaboración institucional co resto das administracións e organismos implicados é fundamental e o acordo que hoxe asinamos é un exemplo de que estamos no bo camiño".


Máis comodidade no pagamento de tributos

En palabras do delegado do Colexio de Xestores Administrativos na Coruña, "este acordo facilita aos cidadáns o cumprimento das súas obrigas tributarias, pois evítalles desprazamentos ao poder facelo na xestoría administrativa que teñan preto da súa residencia".

Neste sentido, Rivera Caramés sinalou na súa intervención que "os xestores administrativos coa sinatura destes convenios desenvolvemos un labor moi importante evitando que os cidadáns, teñan que acudir aos concellos para dar as altas previas á matriculación dun vehículo ante a Xefatura de Tráfico. Con esta fórmula de cooperación soluciónase o problema".

Ao ir desaparecendo o formato papel, o Colexio tamén será o encargado de custodiar a documentación durante cinco anos por se houbese algún tipo de reclamación.

Os Xestores Administrativos, pola súa especialización e de acordo co previsto no Estatuto Orgánico da Profesión, poden actuar en xeral ante calquera Administración Pública, en nome das persoas físicas ou xurídicas, permitindo con iso a maior fluidez e exactitude no cumprimento das obrigas ou no exercicio dos dereitos das mesmas, sen máis limitación que as reservadas expresamente a outras profesións e, todo iso, coa garantía dun comportamento adecuado a unhas normas expresas e unha responsabilidade civil obrigatoria.