[11-09-2014] O Concello de Ames, a través do departamento de Benestar Social, continúa traballando a diario para mellorar a situación dos colectivos máis desfavorecidos. Para elo, ademais do traballo desenvolvido polos servizos sociais, o goberno incrementou de maneira notable a partida orzamentaria para tratar os casos de emerxencia social. De feito, o goberno do Partido Popular triplicou sobradamente o gasto en servizos sociais respecto do último ano de goberno socialista.
No borrador de orzamentos para o ano 2014, a partida para emerxencias sociais pasa a ser de 60.000 euros, dobrando a cantidade respecto a anos anteriores. Ademais, asináronse convenios de colaboración para atender a colectivos desfavorecidos con Cáritas Milladoiro por 20.000 euros, con Cáritas Bertamiráns por 4.000 euros e con Arcea Adames por 7.500 euros. Ademais colabórase coa Fundación para a protección de discapacitados psíquicos da comarca de Negreira, que acolle a persoas con cunha discapacidade psíquica maior a un trinta e tres por cento e que sexan válidas por si mesmas, coa finalidade de preparalas para o acceso a formas de vida normalizadas, con 6.600 euros.
Todos estes convenios con entidades sociais suman un total de 38.100 euros. O total destas partidas suman 98.100 euros, o que supón un incremento de case o 330 por cento no apartado orzamentario destinado a Servizos Sociais respecto a outros anos. No ano 2010, con goberno socialista, os orzamentos municipais contemplaban unha partida dedicada ás axudas de emerxencia social de 30.000 euros, sendo a única destinada a axudas municipais para os casos de extrema necesidade que se presentaban no concello. Non figuraba no orzamento ningunha outra acción para traballar neste tema.
De igual xeito, habería que preguntar á anterior concelleira de Servizos Sociais socialista por qué nun momento de bonanza económica, no cal se incrementaba o número de vivendas novas de maneira notable, por qué non se xestionou unha bolsa de vivenda para os posibles casos de desafiuzamentos que se puidesen chegar a dar ou para poñer a disposición daqueles usuarios de servizos sociais que máis o poden precisar.
O gasto en Servizos Sociais para o ano 2014 súmase a outras actuacións que se canalizan dende os Servizos Sociais municipais, coma o programa de alimentos, as axudas para o transporte metropolitano social, o bono social eléctrico ou os trámites das RISGA da Xunta de Galicia.




