Pestanas principais

O Concello de Ames asiste a unha xornada de procedementos e posta en marcha das estratexias DUSI celebrada en Madrid

Sábado, 16 de setembro de 2017

O alcalde de Ames, José Miñónes, e un dos Axentes de Desenvolvemento Local do Concello de Ames, asistiron a unha xornada de procedementos e posta en marcha das estratexias DUSI celebrada en Madrid. A reunión informativa serviu para coñecer os trámites necesarios para a xustificación da axuda, así como as plataformas que se poñerán en marcha. Fíxose un seguimento exhaustivo de cada unha das obrigas necesarias e os documentos que haberá que entregar antes do día 25 de setembro. Ames dispón dunha axuda de 5 millóns de euros ao ser seleccionado na segunda convocatoria europea de fondos DUSI.

O Concello de Ames xa entrou de cheo no desenvolvemento da estratexia DUSI. En primeiro lugar haberá que realizar a xustificación da axuda de 5 millóns de euros concedida, así como enviar a documentación que se lle require a cada municipio que foi seleccionado como beneficiario de ditas axudas. Para coñecer todos os procedementos que hai que realizar realizouse unha xuntanza informativa en Madrid. Nesta reunión explicáronse os procedementos electrónicos cos que se deberá xestionar a axuda e as novas plataformas de certificación e notificación SIR cos que debe contar o Concello. A vindeira semana haberá unha reunión monográfica con todos os departamentos municipais afectados para dar a coñecer os aspectos máis importantes e presentar a memoria que se levará ao Ministerio.

O organigrama prevé a creación dunha oficina de xestión da estratexia que será coordinada por un responsable que supervisará o plan Impulsa Ames. A oficina de seguimento e control actuará paralelamente e estará conformada polos departamentos implicados na estratexia, como son, intervención, contratación, secretaría, servizos sociais, medio ambiente, TIC, emprego e desenvolvemento local, ademais de lócicamente urbanismo. No documento a entregar ao Ministerio tamén estará integrado o Comité antifraude co que contará o proxecto de Ames e que pretende velar pola transparencia dos procesos selectivos, seguindo así coas políticas impostas polo goberno de Ames dende a súa chegada.

O alcalde de Ames, José Miñones, destaca que "a xestión desta axuda supón unha importante carga de traballo, que vai a permitir o desenvolvemento do Concello cun cambio radical. Haberá que facer moitos esforzos antes de acadar os resultados esperados. Esperamos poder poñer en marcha canto antes as iniciativas aquí plantexadas que se estenderá mais alá do ano 2020".

Plan Impulsa Ames
O plan Impulsa Amesten unha vixencia ata o ano 2020 con 5 liñas de actuación tanto no ámbito social, climático e enerxético, ambiental, demográfico e económico. A través das diferentes anualidades Ames irá implantando cada unha das accións estratéxicas en cada ámbito de actuación. A dimensión transversal deste plan de impulso para o Concello terá unha repercusión directa na mellora dos servizos e infraestruturas de Ames. Os fondos acadados distribuiranse principalmente ao longo das anualidades 2018, 2019 e 2020, de xeito que será no ano 2019 no que maior cantidade económica se invista.

Miñones afirma que “o programa Impulsa Ames transformará o noso concello e sumarase aos importantes proxectos xa postos en marcha”. O Concello de Ames aportará 1.250.000 euros ao financiamento das accións estratéxicas do Plan Impulsa Ames, complementando así a axuda FEDER concedida e incrementando os investimentos ata os 6.250.000 euros.

Imaxe da portada da EDUSI Impulsa Ames