Pestanas principais

O Concello de Ames asina un convenio de colaboración coa Unión de Consumidores de Galicia

Venres, 09 de setembro de 2016

[09-09-2016] Esta mañá o salón de plenos do Concello de Ames acolleu a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia. O fin deste convenio é achegar á veciñanza amesá os servizos que esta organización presta en materia de asesoramento, formación e información no ámbito do consumo. Trátase dun acordo que foi xestionado por parte da concellaría de Promoción Económica. O consistorio pon a disposición da organización espazos no Milladoiro e en Bertamiráns para achegar á veciñanza o servizo de asesoramento no consumo.

O alcalde de Ames, José Miñones, e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Miguel López Crespo, asinaron esta mañá un convenio polo que o consistorio cede espazos no Milladoiro e en Bertamiráns para que a organización leve a cabo a súa labor de asesoramento no eido do consumo. A este acto tamén asistiu a concelleira de Promoción Económica, Isabel González. Este acordo xorde do impacto que as problemáticas relacionadas co eido do consumo teñen na cidadanía e da necesidade de proporcionarlles as ferramentas necesarias para facerlles fronte.

Neste sentido, o asesoramento presencial, un dos eixos principais sobre os que se articula o traballo da UCGAL, resulta fundamental. Esta organización é consciente da importancia de manter un contacto directo e constante coas persoas consumidoras para axudarlles nas súas problemáticas e dúbidas en eidos que van desde o sanitario ó eléctrico pasando polo bancario ou o das telecomunicacións. As consultas poderanse realizar de forma presencial ou telefonicamente. Cada caso presentado será estudado e a persoa usuaria informada das distintas vías de reclamación das que dispón.

Lugares e horarios de atención
Inicialmente, os técnicos da UCGAL atenderán ás persoas consumidoras tanto en Milladoiro como en Bertamiráns. En Milladoiro (rúa Viorneira, 6 baixo), o seu horario será os luns de 10:00 a 14:00 horas, e os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Mentres que en Bertamiráns (Pazo da Peregrina), atenderán os mércores de 16:30 a 20:30 horas, e os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Se acaso, esta organización non descarta ampliar ó horario para adecualo á demanda dos veciños e veciñas do concello.

As instalacións e equipos pasarán a uso da UCGAL nun prazo máximo dun mes dende o día da sinatura do convenio, e por prazo prorrogable dun ano. Formarase unha comisión de seguimento das labores e actividades da UCGAL no municipio amesán, composta por dous membros do Concello de Ames, dous membros da propia UCGAL, e presidida polo alcalde de Ames, José Miñones.

A UCGAL comprométese así mesmo, coa sinatura deste convenio, a prestar asistencia ao Concello de Ames na confección, elaboración e modificación das tarifas de servizos públicos. Así mesmo a organización impartirá dúas actividades formativas ao ano dirixidas tanto a colectivos específicos como ao público xeral.