[19-05-2011] O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o director de FAIBEN, Fundación de Apoio á Infancia e ao Benestar, Ángel Martínez Puente, asinaron un convenio de colaboración a través do cal o Concello de Ames se adhire ao programa de adopción especial “Adoptar é posible”, que desenvolve este organismo. Dito programa desenvólvese en colaboración doa Consellería de Traballo e Benestar, a través da Secretaria Xeral de Familia e Benestar. As coordinadoras do departamento de Educación, Sandra Dios e Emilia Seara, así como Itos Lorenzo, profesora do programa municipal de psicomotricidade e membro desta fundación, tamén asistiron á sinatura de dito convenio. Entre os obxectivos do programa está a sensibilización, captación, información e formación das familias dispostas a adoptar menores da comunidade autónoma galega, que polas súas características especiais teñen máis dificultades para exercer o seu dereito a vivir en familia.
O concello de Ames conta cunha poboación eminentemente xoven que escolle algúns dos núcleos amienses para establecer a súa residencia. Debido a que a gran maioría das persoas censadas en Ames están en idade de ter fillos/as ou dispor dunha familia o Concello de Ames acaba de subscribir un convenio de colaboración coa Fundación de Apoio á Infancia e ao Benestar (FAIBEN) para adherirse ao programa de adopción especial "Adoptar é posible".
FAIBEN, Fundación de Apoio á Infancia e ao Benestar, xestiona en Galicia o Programa de Adopcións Especiais. Algúns nenos e nenas, que están en situación legal de ser adoptados, non teñen familia coa que convivir. E co tempo, vaise forxando na súa cabeza a idea de que "non son o suficientemente bos para que alguén os queira como fillos".
Nos centros de acollida teñen moi ben cubertas as súas necesidades de alimentación, vivenda, xoguetes, afecto... Pero iso non é suficiente, iso non é o fundamental para o seu desenvolvemento. Os nenos e nenas necesitan sentir que pertencen a unha familia e que son o máis importante para alguén. Pertencer a unha familia ten repercusión directa na autoestima das persoas, na súa imaxe persoal, na súa capacidade para relacionarse cos demais.
FAIBEN xestiona o programa "Adoptar é posible". Esta fundación pretende atopar familias ou persoas dispostas a asumir a estes nenos e nenas que se caracterizan por ter algunha discapacidade física ou psíquica, ser maiores ou pertencer a un grupo de irmáns. Para iso acaba de asinar un convenio de colaboración co Concello de Ames. A través deste convenio a Administración local amosa a súa dispoñibilidade para establecer un compromiso de colaboración co programa "Adoptar é posible" de FAIBEN.
Entre os obxectivos do programa está a sensibilización, captación, información e formación das familias dispostas a adoptar menores da comunidade autónoma galega, que polas súas características especiais teñen máis dificultades para exercer o seu dereito a vivir en familia. Dito programa desenvólvese en colaboración doa Consellería de Traballo e Benestar, a través da Secretaria Xeral de Familia e Benestar.
Compromisos subscritos
O Concello de Ames comprométese a colaborar na difusión do programa de "Adoptar é posible", a través dos medios dos que dispón (páxina web, Ames Radio, distribución dos trípticos do programa en diferentes puntos de interese...). Ademais facilitarase, na mediada do posible, a disposición de locais municipais para impartir diferentes actuacións formativas e/ou informativas que realice a devandita fundación.
Por outra banda, a Fundación de Apoio á Infancia e ao Benestar (FAIBEN), comprométese a poñer a disposición do Concello de Ames o equipo da fundación para informar do programa á veciñanza amiense, mediante charlas sobre o ámbito de adopción, obxecto do programa, que dende o mesmo se soliciten, así como asesorar ás familias adoptivas do Concello que demanden axuda ao programa. Por último comprométense a asesorar e acompañar ás familias adoptivas do Concello que adopten un menor do programa de Adopcións especiais "Adoptar é posible" como se regula no convenio de colaboración asinado coa Xunta de Galicia.
Aquelas persoas que estean interesadas en participar neste programa só teñen que poñerse en contacto con FAIBEN no correo electrónico faiben@faiben.org ou chamando aos números de teléfono 981 577 619, 634 115 746 ou 902 404 224. Informaranvos, reflexionaredes xuntos e, se vos decidides a adoptar, acompañaranvos no proceso "ata ter a seguridade de que o novo camiño teña garantías de éxito".




