[25-12-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, xunto co representante da empresa ESEDEGAL, SLU, a secretaria do Concello e a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, asinaron un contrato de prestación do servizo de control de facturación eléctrica e de gas para o Concello de Ames. A empresa ESEDEGAL SLU é a entidade adxudicataria do contrato menor deste servizo polo período dun ano.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, manifestou que se trata dun servizo que é “esencial para o Concello pois dá resposta a varias demandas, por un lado apostar por un consumo enerxético sostible e por outro establecendo axustes nos parámetros da contratación eléctrica dos diferentes puntos de subministro para conseguir un aforro estimado que a empresa cuantifica en 25.000 euros ao ano, cifra que incluso nos din que podería ser maior”.
A finalidade do contrato é a prestación, por parte da empresa ESEDEGAL SLU, de asesoramento profesional ao Concello para acadar a redución do gasto municipal asociado ao consumo enerxético. A empresa tamén realizará unha análise da facturación eléctrica, co obxectivo de detectar erros ou anomalías nas lecturas, periodificacións incorrectas, cobros indebidos de dereitos de verificación ou enganche ou falta de devolución de fianzas.
A empresa de servizos enerxéticos prestará, así mesmo, a xestión das reclamacións por posibles incidencias que se atopen e realizará estudos de implantación de melloras nos puntos de subministro do Concello. Ademais, para fomentar un consumo enerxético máis racional a empresa achegaralle ao Concello información para sensibilizar e concienciar ao persoal da importancia do uso eficiente de enerxía nas instalacións públicas.
ESEDEGAL SLU presentará cunha periodicidade trimestral un informe que recolla as incidencias detectadas e aquelas reclamacións que deberán ser formalizadas para a súa corrección. O contrato ten unha duración total de 12 de meses dende o momento da súa sinatura, sen posibilidade de prórroga. O orzamento do contrato ascende a un total de 9.801 euros, IVE incluído.
Contido relacionado

La Voz de Galicia:"El Concello espera ahorrar 25.000 euros en la factura eléctrica"
El Correo Gallego:"Asinan un contrato de servizos de control da factura eléctrica e do gas "




