Pestanas principais

O Concello de Ames asina un contrato con Trameve para que se encargue de xestionar o servizo de retirada de vehículos abandonados

Martes, 08 de marzo de 2016

[08-03-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, e o representante do centro de tratamento de vehículos, Tratamento Medioambiental de Vehículos, Trameve SL, Ramón Sestayo, asinaron un contrato para que esta entidade se encargue do servizo de retirada de vehículos abandonados, que están catalogados como residuos sólidos urbanos. Por parte de Trameve tamén asistiu o seu xerente, Luís Penido. Na actualidade existen arredor de vinte vehículos que teñen que ser retirados da rúa, debido a que este servizo non se estaba prestando nos últimos anos.

A través da sinatura deste contrato a entidade Tratamento Medioambiental de Vehículos, Trameve SL, pasará a prestar o servizo de retirada de vehículos abandonados no termo municipal de Ames. Para iso empregará unha plataforma-grúa co fin de trasladar ditos vehículos ás instalacións que ten esta empresa no polígono industrial do Tambre, en Santiago de Compostela. A duración do contrato asinado é dun ano. Este servizo terá un custo para o Concello de 5.000 euros.

O horario da prestación do servizo será de luns a venres, en horario de mañá, de 9:30 a 13:30 horas, e de tarde, de 15:00 a 19:00 horas. Esta entidade ten encomendadas as tarefas de recoller aqueles vehículos abandonados e declarados residuos sólidos urbanos (RSU) ou que estean en proceso de declaración de RSU por parte do Concello de Ames, o traslado ás súas dependencias, depósito e custodia durante cinco días naturais, tramitación de baixa, descontaminación e tratamento ecolóxico gratuíto.

Se non se puidese tramitar a baixa inmediata do vehículo por motivos burocráticos non imputables á empresa, a partir do quinto día de depósito esta facturará 1,80 euros ao día, á espera de que sexa declarado RSU (residuo sólido urbano), podendo prolongarse a estancia ata 90 días. Pasado ese tempo sen que fose declarado RSU, o Concello deberá proceder a facerse cargo do vehículo fóra de uso e asumir os custes derivados do seu traslado ás instalacións de Trameve.

No suposto de que o vehículo queira recuperarse polo propietario, antes de ser declarado Residuo Sólido Urbano (RSU), o Concello aboaralle a empresa 50 euros en concepto de servizo de grúa, ademais dos gastos de deposito e custodia anteriormente sinalados. A estes prezos habería que sumarlle o correspondente IVE.

Servizo de grúa
Dende o Concello de Ames tamén están traballando para dispor dun servizo de grúa, que poida ser empregado por un vehículo que teña unha avaría ou por petición da Policía Local para retirar un vehículo que dificulte a entrada nun garaxe. Sobre este asunto o alcalde, José Miñones, explica que “na actualidade esta empresa non ofrece o servizo de grúa, pero dende o goberno municipal estamos traballando para buscar unha solución definitiva. O obxectivo é ofrecer este servizo de forma mancomunada con outros concellos da contorna”.

Trameve pertence ao grupo GES (Galega de Economía Social) e colaboran con COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) no seu programa laboral. Un equipo de preto de 20 persoas desenvolven de maneira eficiente e coidadosa servizos de venta de pezas de ocasión; taxación, recollida en grúa e despece de vehículos sinistrados ou fóra de uso; servizo privado de grúa; e compra-venta de automóbiles de ocasión.

Por outra banda, TRAMEVE ofrécelle á veciñanza amesá un servizo gratuíto de recollida e xestión dos vehículos fóra de uso, sempre e cando carezan de precintos que impidan a súa destrución e tramitación de baixa na Dirección Xeral de Tráfico. O servizo ofértase sempre que sexa un vehículo fóra de uso que estea completo e se encontre dentro do termo municipal de Ames. Para mais información, poden dirixirse á súa páxina web, www.trameve.es ou ó teléfono 981 554 707.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Firman un contrato con Trameve para la retirada de vehículos abandonados"