Pestanas principais

O Concello de Ames asina os convenios coas asociacións culturais Follas Novas, Os Castros e Val da Maía

Sábado, 22 de novembro de 2014

[22-11-2014] O Concello de Ames, a través da concellaría de Cultura, renovou os convenios de colaboración que mantén coa Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía e coa Asociación Cultural Follas Novas a través dos cales realizarán 15 actuacións en diferentes eventos culturais e festas que se organicen no termo municipal de Ames antes do 30 de xuño de 2015. Ademais, renóvase o convenio coa Asociación Cultural Os Castros, para que imparta o obradoiro de baile e música tradicional. O Concello de Ames achegará a través destes convenios de colaboración un total de 11.550 euros.

O Concello de Ames vén de asinar coas asociacións culturais os convenios de colaboración a través dos cales a Administración local sufraga un total de 15 actuacións dos grupos pertencentes a estas asociacións en diferentes eventos culturais e festas do concello, así como a impartición do obradoiro de baile e música tradicional.

A concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, explicou que “estes convenios que se establecen coas asociacións culturais están sendo un éxito xa que permiten fomentar as actuacións dos nosos grupos en diferentes eventos culturais e festas do concello. Xa conseguimos que os nosos grupos actúen dentro do noso concello, agora temos que traballar para dar un paso máis e que estes grupos saían a actuar pola nosa comarca”.

Unha das asociacións beneficiarias destes convenios é a Agrupación Cultural e Xuvenil Val da Maía. A través deste acordo o grupo de pandereteiras “As Maianas” realizará 8 actuacións no concello de Ames. En contrapartida a Administración local achegaralle a esta asociación cultural unha contía de 2.450 euros. Realizarase unha achega de 350 euros por actuación. Sobre esta cantidade aplicaranse, no seu caso, as retencións determinadas pola lei. No suposto de que esta asociación non realice a totalidade das actuacións comprometidas, o importe que se satisfará será o resultante de multiplicar o número de actuacións desenvolvidas pola cantidade que corresponde a cada unha delas.

Outra das asociacións que asinaron un convenio co Concello de Ames é a Asociación Cultural Follas Novas, que segundo se recolle no devandito convenio realizará 7 actuacións en diferentes eventos que se organicen no termo municipal de Ames. O orzamento máximo deste contrato ascende a 3.500 euros, abonando 500 euros por actuación. Sobre esta cantidade aplicaranse, no seu caso, as retencións determinadas pola lei.

Por último, asinouse un terceiro convenio coa Asociación Cultural Os Castros para que imparta o obradoiro de baile e música tradicional. A través deste convenio a devandita asociación recibirá unha contía máxima de 5.600 euros. Este obradoiro ten un grande éxito de participación chegando aos 150 usuarios/as entre alumnos da Asociación e do Concello.

O Concello de Ames aboaralle á Asociación Cultural Os Castros a cantidade de 60 euros por alumno/a matriculado no obradoiro de baile e música tradicional do Concello, así como 10 euros por alumno/a maior de 18 anos e 20 euros por alumno/a menor de 18 anos que se matricule na Asociación Cultural Os Castros.

Impartición das clases
As clases do obradoiro de baile e música tradicional impártense desde o pasado mes de outubro nos locais sociais de Bugallido, Biduído e Trasmonte así como na Casa da Cultura de Bertamiráns. Deste xeito, os sábados no centro social de Bugallido ofrécense clases de baile, gaita, punteiro, pandeireta e percusión. Ademais, en Bugallido tamén se imparten clases de gaita, pandeireta e percusión os xoves.

Por outra parte, os domingos impártense clases de punteiro, gaita, pandeireta e percusión no centro sociocultural de Trasmonte. Os luns, na Casa da Cultura de Bertamiráns, ofrécense clases de gaita, punteiro, pandeireta e percusión, e os venres, no centro sociocultural de Biduído, impártense clases de pandeireta, percusión, gaita e punteiro.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames renueva convenio con Val de Maía, Follas Novas y Os Castros"