[06-03-2012] O alcalde, Santiago Amor, formalizou hoxe cos representantes do Bertamiráns F.C, Milladoiro S.D. e Club Voleibol Bruxas a sinatura dos contratos administrativos especiais que regularán a colaboración do Concello de Ames con estes clubs deportivos na tempada 2011-2012. A sinatura destes contratos, polos que o Concello de Ames destinará un total de 58.988 euros, posibilitará o desenvolvemento das escolas deportivas municipais cunha xestión máis eficiente, mantendo a calidade do servizo e o número de usuarios cun aforro dun 34 % respecto á tempada 2010-2011. No acto de sinatura estivo tamén presente o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro.

En detalle, na nova organización planificada pola Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado prevese destinar 32.492 euros ao Bertamiráns F.C., 21.340 euros ao Milladoiro S.D. e 5.156 euros ao Club Voleibol Bruxas. A cantidade resultante (58.988 euros) supón unha rebaixa do 33,92 % respecto á tempada 2010-2011, na que o Concello de Ames tivo que sufragar pagamentos por valor de 89.263 euros para desenvolver unicamente o servizo das escolas de fútbol sala a través do Bertamiráns F.C. e do Milladoiro S.D. Neste sentido, hai que salientar que a previsión de gasto para a tempada 2011-2012 permitirá incluír como novidade os servizos do Club Voleibol Bruxas, que no pasado exercicio non se beneficiou de ningunha subvención pública.
Con esta reorganización, enmarcada na racionalidade e no control do gasto público, o Concello de Ames dálle continuidade ao seu compromiso de colaboración cos dous clubs de maior base e infraestrutura existentes no Concello, Bertamiráns F.C. e Milladoiro S.D., situados nos grandes núcleos de poboación municipal co fin de coordinar as actividades do fútbol de base. Do mesmo xeito, preténdese que a escola deportiva municipal de voleibol se leve a cabo a través do Club Voleibol Bruxas, entidade que hoxe en día conta cun total de cinco equipos en competición e que, xunto coa sección de voleibol do Bertamiráns F.C. pretenden ser un referente deste deporte no ámbito comarcal.
Promoción do fútbol de base
O contrato co Bertamiráns F.C. recoñece o importante labor que esta asociación sen ánimo de lucro desenvolve dende fai anos a través dos seus programas de formación e de adestramento en varias disciplinas deportivas (fútbol, fútbol sala, baloncesto e voleibol) e destaca a súa participación en competicións oficiais con varios equipos. O club, que conta actualmente con máis de cincocentos deportistas en formación e competición, asumiu na tempada 2008-2009 o desenvolvemento da Escola Deportiva Municipal de fútbol para categorías que viña realizando o Concello de Ames. O contrato formalizado hoxe establece as condicións que dan continuidade á colaboración entre o Concello de Ames e o Bertamiráns F.C. na tempada 2011-2012.
En concreto, o Bertamiráns F.C. realizará a xestión das escolas deportivas municipais de fútbol-7 e de fútbol sala e asumirá parte dos rapaces que participan en baloncesto a partir das categorías infantís e cadetes. En virtude do contrato, o club comprométese a atender os adestramentos e a formación deportiva e educativa integral dos asistentes a través de monitores coa preparación adecuada. Neste sentido, o Bertamiráns F.C. organizará cursos de formación para os seus monitores, coa colaboración da Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado. Haberá ademais unha persoa cualificada como director técnico para organizar e coordinar os diferentes equipos e monitores, e supervisar os programas de adestramento de cada un deles.
As cláusulas do contrato de colaboración sinalan tamén que o Bertamiráns F.C. porá o campo de As Pateiras a disposición do Concello de Ames sempre que llo solicite e non o estea a ser utilizado nesas horas polo propio club. O Bertamiráns F.C. colaborará co Concello na organización do Open de Volei Praia de Bertamiráns 2012, o Torneo Fútbol 7 Veteranos e na campaña de recollida de xoguetes e roupa. O club comprométese a difundir a imaxe institucional do Concello de Ames na súa vestimenta e nos seus soportes de comunicación e informará á Concellaría de Deporte, Tempo Libre e Voluntariado da marcha de todas as seccións deportivas, coordinando os horarios de uso de campos de fútbol e dos pavillóns deportivos. O contrato, que terá vixencia ata o 30 de setembro, establece o compromiso do Concello de Ames de poñer a disposición do club as instalacións municipais que sexan necesarias para o desenvolvemento das súas actividades.
No caso do Milladoiro S.D., o contrato contempla o traballo realizado por esta asociación sen ánimo de lucro a través dos seus programas de formación e de adestramento de fútbol campo e fútbol sala, ademais da súa participación nas competicións oficiais con varios equipos. Actualmente, o club conta con máis de douscentos deportistas en formación e competición, suplindo ao Concello de Ames desde a tempada 2008-2009 na xestión da Escola Deportiva Municipal de Fútbol Sala para categorías. O contrato formalizado hoxe establece as bases de colaboración entre o Concello de Ames e o Milladoiro S.D. durante a tempada 2011-2012, co obxecto de dar continuidade ás escolas deportivas municipais de fútbol sala, do xeito previsto dende o ano 2009.
Ao igual que no caso do Bertamiráns F.C., o contrato co Milladoiro S.D. establece o compromiso do club de dotarse con monitorado coa preparación adecuada e para facer cursos de formación para eles, coa colaboración da Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado. Do mesmo xeito, haberá unha persoa cualificada como director técnico para organizar e coordinar aos diferentes equipos e monitores, e supervisar os programas de adestramento de cada un deles. O club comprométese a difundir a imaxe institucional do Concello de Ames na súa vestimenta e nos seus soportes de comunicación e informará á Concellaría de Deporte, Tempo Libre e Voluntariado da marcha de todas as seccións deportivas, coordinando os horarios de uso de campos de fútbol e dos pavillóns deportivos. O contrato, que terá vixencia ata o 30 de setembro de 2012, establece o compromiso do Concello de Ames de poñer a disposición do club as instalacións municipais que sexan necesarias para o desenvolvemento das súas actividades.

Promoción do voleibol
O contrato de colaboración co Club Voleibol Bruxas recoñece o seu labor como asociación sen ánimo de lucro implicada na formación e adestramento do deporte de voleibol e destaca a súa participación nas competicións oficiais con varios equipos. O club ten actualmente máis de 80 deportistas en formación e competición. O contrato asinado hoxe recolle a colaboración que se vai desenvolver entre o Concello de Ames e o Club Voleibol Bruxas para o tempada 2011-2012, materializada na xestión por parte do club das escolas deportivas municipais de voleibol.
En virtude do contrato, o Club Voleibol Bruxas asume o compromiso de dotarse con monitores coa preparación adecuada e para facer cursos de formación para eles, coa colaboración da Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado. Do mesmo xeito, haberá unha persoa cualificada como director técnico para organizar e coordinar aos diferentes equipos e monitores, e supervisar os programas de adestramento. O club comprométese a difundir a imaxe institucional do Concello de Ames na súa vestimenta e nos seus soportes de comunicación e informará á Concellaría de Deporte, Tempo Libre e Voluntariado da marcha de todas as seccións deportivas, coordinando os horarios de uso de campos de fútbol e dos pavillóns deportivos. O contrato, que terá vixencia ata o 30 de setembro de 2012, establece o compromiso do Concello de Ames para poñer a disposición do club as instalacións municipais que sexan necesarias para o desenvolvemento das súas actividades.





