Pestanas principais

O Concello de Ames asina o crédito para facer fronte ás facturas de provedores emitidas antes do 31 de decembro de 2011

Martes, 29 de maio de 2012

[29-05-2012] O alcalde do Concello de Ames, Santiago Amor, acaba de asinar con representantes da entidade bancaria Banesto unha operación de crédito para o pago das facturas a provedores, emitidas antes do 31 de decembro de 2011, por un importe total de 1.520.656,53 euros. A operación bancaria, avalada polo plan de axuste municipal, aprobouse o pasado día 15 de maio en pleno extraordinario da corporación, cos votos a favor do grupo do Partido Popular, mentres que a oposición votou en contra.

Esta operación de endebedamento a longo prazo permitirá ao Concello de Ames afrontar os pagos pendentes e, ao mesmo tempo, seguir prestando servizos. Con esta operación, o Concello comprométese a devolver o importe nun prazo de dez anos, con dous de carencia, o que implica que nos dous primeiros exercicios só se abonarán os intereses.

Este mecanismo de financiamento está contemplado no Real Decreto-Lei 4/2012 de 14 de febreiro, polo que se determinan obrigacións de información e procedementos necesarios para establecer un mecanismo de financiamento para o pagamento aos provedores das entidades locais.

O acceso a este financiamento levaba aparellada a obrigación por parte do Concello de aprobar un plan de axuste, que xa foi ratificado polo pleno o pasado 29 de marzo. A elaboración deste plan de axuste veu motivada pola crítica situación económica herdada polo actual Goberno municipal. Posteriormente, o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas valorou favorablemente este documento, permitindo ao Concello concertar a operación de préstamo a longo prazo polo importe das obrigacións pendentes.