[28-11-2018] Esta mañá tivo lugar no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, o acto de sinatura do convenio de colaboración entre os Concellos de Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago de Compostela, para a delimitación do itinerario cultural a Santiago da Ría de Muros-Noia. En representación do Concello de Ames asistiron o alcalde, Jose Miñones, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, e maila técnica municipal de Turismo, Sonia Moure. Considerase que dita proposta conta cunha base histórica sólida para iniciar con éxito o expediente para o seu recoñecemento como Camiño de Santiago.
Ames achega 1.679,82 euros
Dito presuposto será financiado por achegas dos nove concellos, mediante un reparto proporcional en base a dous criterios: o 50% do presuposto repártese de xeito lineal co mesmo importe para cada concello e o 50% restante repártese de forma proporcional en función dos quilómetros de trazado do camiño en cada municipio. Para este fin o Concello de Ames terá que facer unha achega de 1.679,82 euros, a través dunha única anualidade e sendo esta de carácter puntual.
O convenio tamén designa ao Concello de Lousame como representante da agrupación de Concellos e responsable técnico e administrativo da súa xestión, de xeito que se encargará de contratar a asistencia técnica e de establecer as interlocucións que sexan precisas con outras administracións, nomeadamente coa Xunta de Galicia.
Recoñecemento como ruta histórica
O obxectivo dos nove concellos é que este itinerario sexa recoñecido primeiro como ruta histórica, e posteriormente obteña a declaración oficial de Camiño de Santiago. Para iso, xa se ten avanzado na recompilación de diferente documentación histórica, grazas ao financiamento da Asociación Rural de Desenvolvemento Ría de Muros-Noia.
Un estudo elaborado grazas ás achegas realizadas polos distintos municipios participantes, así como por asociacións, entidades e investigadores da zona que demostran a existencia do Camiño a Santiago pola ría de Muros-Noia. Unhas probas documentais especialmente significativas nos municipios de Muros e de Noia, neste último caso compiladas recentemente co gallo da celebración do Portus Apostoli e o 850 aniversario do nacemento da vila. O estudo completo estará finalizado nas próximas semanas. Agora, haberá que realizar un traballo de campo intensivo para determinar a delimitación do trazado definitivo, e facerlle chegar as conclusións á dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. 
Na sinatura do convenio participaron os alcaldes e alcaldesas de Ames, José Miñones; Brión, José Luis García; Lousame, Teresa Villaverde; Muros, María Xosé Alfonso Torres; Noia, Santiago Freire; Outes, María Beatriz Molinos; Porto do Son, Luis Oujo; e Rois, Ramón Tojo; ademais do rexedor de Compostela, Martiño Noriega. Ao acto tamén asistiron concelleiros e concelleiras dos diferentes municipios, así como representantes da Asociación Amigos do Camiño pola Ría de Muros-Noia e doutras asociacións turísticas e empresariais.
Trátase dun convenio que no Concello de Ames foi aprobado previamente, por unanimidade, no pleno ordinario do mes de outubro. O obxectivo é acadar o recoñecemento deste Camiño como ruta histórica e posteriormente a súa declaración oficial como Camiño de Santiago.
Tanto o alcalde, Jose Miñones, como a concelleira de Turismo, Isabel González, consideran que “para o Concello de Ames este proxecto ten un gran interese xa que sería o único concello de Galicia en contar con tres rutas Xacobeas no seu territorio, xa que por Ames discorren tramos do Camiño Portugués e do Camiño Fisterra-Muxía. Este camiño terá unha distancia aproximada de 100 quilómetros, dos cales 7 discorrerían polo termo municipal de Ames”.
O convenio asinado hoxe ten como obxectivo regular a colaboración entre os concellos de Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago na elaboración da proposta de delimitación do itinerario cultural a Santiago da ría de Muros-Noia e, en particular, a contratación da asistencia técnica para realizar estes traballos. Para a súa licitación establécese un orzamento máximo de 18.148,79 euros, IVE incluído.

Contido relacionado

El Correo Gallego: "Os 9 alcaldes promotores do Camiño por Noia-Muros queren oficializalo en 2021"
La Voz de Galicia: "Los concellos del Camino Inglés por Muros y Noia se unen para lograr su reconocimiento"
La Voz de Galicia: "Alianza a nueve bandas para promover el Camino por la ría de Muros-Noia"




