Pestanas principais

O Concello de Ames asina mañá na Coruña a súa adhesión ao programa Apego

Venres, 08 de abril de 2016

[08-04-2016] Este sábado, 9 de abril, ás 12:00 horas, no Centro Ágora da Coruña, terá lugar o acto no que 11 novos concellos se sumarán ao programa Apego. O Concello de Ames figura entre eses 11 municipios que se adhiren a esta iniciativa que foi posta en marcha en marzo de 2015 co obxectivo de promover a transmisión da lingua galega entre as nenas e nenos. O Concello da Coruña, como anfitrión da sinatura do acordo, agasallará as persoas asistentes cun concerto de “Arrolos de salitre”, con Xabier Díaz e Guillerme Fernández. O concerto será aberto e de balde, ata completar a capacidade da sala.

O programa Apego ten xa un ano de andaina. En marzo de 2015, asinaban un protocolo de colaboración os concellos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo. Nacía o programa Apego para promover e arroupar a transmisión da lingua ás nenas e nenos. Agora amplíase o número de concellos participantes neste proxecto coa sinatura dun novo protocolo no que se suman ao programa Apego un total de 11 novos concellos. Deste xeito amplíase a 23 municipios e a unha poboación de máis do millón de habitantes.

Os concellos participantes puxeron en marcha diversas accións, centradas nas crianzas entre 0 e 6 anos mais que abranguen os diferentes contextos da vida dos nenos e nenas. Deseñáronse e distribuíronse materiais específicos, organizáronse actividades, achegáronse argumentos, información e recursos…, para as familias e para os profesionais. En todas as accións do proxecto resalta a valoración positiva da lingua e a necesidade de que colectiva e individualmente nos comprometamos con este herdo para que no futuro as nosas cativas e cativos poidan seguir gozando del.

O Apego mantense desde os servizos de normalización dos concellos participantes, impulsados inicialmente pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e para a súa difusión recórrese tamén á rede: www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal.

Amplíase a colaboración
A comunidade creada en torno ao Apego foi medrando con miles de nais e pais que se foron sumando, cun amplo seguimento nas redes sociais e tamén coa cooperación entre entidades diversas.

Nestes intres, chegou o momento de incorporar outros concellos que manifestaron o seu interese por incrementar este programa desde os respectivos servizos de normalización lingüística. Coa colaboración destes 23 concellos, o proxecto Apego chegará agora a unha poboación que supera o 1.100.000 habitantes, entre a que está a das principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia.

Así, este sábado 9 de abril, asinarán a adhesión 11 novos concellos promotores de Apego pola lingua: A Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo. Deste xeito, poderase chegar a máis familias para cumprir cos obxectivos sinalados e estenderase o programa a municipios de variado tamaño, situación sociolingüística ou posición xeográfica.

Neses novos concellos que asinan a colaboración este sábado, o proxecto comezarase a desenvolver de maneira efectiva no prazo de tres meses, aproximadamente.