[25-05-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, acaba de asinar cos representantes de Urbaser SA, unha modificación no sistema de prórroga do contrato que ten adxudicado esta empresa para xestionar o servizo de limpeza e do punto limpo. Neste acto tamén estiveron presentes o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e maila secretaria municipal. No devandito contrato recollíase un prazo de vixencia de 10 anos prorrogables por mutuo acordo. Trala modificación feita o réxime de prórroga será anual ata un máximo de 10 anos. Dita modificación foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario de marzo.
Cómpre lembrar que o Pleno do Concello de Ames na sesión plenaria celebrada o 1 de xullo de 2006 aprobou a adxudicación á empresa Urbaser SA do concurso convocado para a xestión do servizo de limpeza viaria e do punto limpo. O contrato asinouse o 1 de agosto de 2006 e a devandita empresa comezou a prestar este servizo en xaneiro de 2007. No devandito contrato recollíase un prazo de vixencia de 10 anos prorrogables, de mutuo acordo, por un período de 10 anos. Co que, no marco actual, o contrato finalizará o 15 de xaneiro de 2017, en prexuízo da posibilidade de prórroga por mutuo acordo entre ambas partes e por un prazo de 10 anos.
Tendo en conta iso, dende a concellaría de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, presentaron unha proposta no pasado pleno ordinario do mes de marzo para modificar o réxime de prórroga co obxectivo de que esta se realice de xeito anual, por mutuo acordo de ambas partes, ata un máximo de 10 anos, en lugar dos 10 anos seguidos previsto no contrato. Esta proposta saíu adiante por unanimidade de toda a corporación.
Unha vez aprobada esta proposta en Pleno, quedaba pendente asinar esta modificación do contrato. O acto de sinatura tivo lugar no salón de plenos do Concello por parte do rexedor municipal e mailos representantes da empresa Urbaser SA.
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “unha prórroga cun prazo único de dez anos consecutivos faría inasumible a mesma e obrigaría ao goberno a ter que volver a licitar o servizo de limpeza viaria e a xestión do punto limpo, o que consideramos agora inviable, debido a que nos atopamos inmersos na licitación do ciclo integral da auga, e en negociacións para a xestión dos residuos sólidos urbanos. A nosa intención é realizar unha serie de estudos técnicos e económicos para valorar o tipo de xestión coa que se desenvolvería nun futuro este servizo”.
Ampliación do servizo de limpeza
Ademais, no pleno ordinario deste mes de maio debaterase unha nova modificación do contrato de xestión da limpeza viaria e do punto limpo, para ampliar o servizo de limpeza a novas rúas e urbanizacións municipais, que non se incluíron cando se comezou a prestar este servizo por parte de Urbaser.
Cómpre destacar que as zonas non incluídas no contrato non están sen servizo, xa que están sendo atendidas por persoal municipal pertencente á brigada municipal de obras. A inclusión desta zonas no contrato permitiría recuperar dito persoal para que poida desenvolver traballos máis propios da propia brigada.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "La renovación de la limpeza con Urbaser va a ser anual"




