Pestanas principais

O Concello de Ames asina con Servigal o contrato do servizo de lacería e canceira

Luns, 11 de febreiro de 2013

[11-02-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, asinaron coa empresa Servigal o contrato do servizo de lacería e canceira. Ademais da sinatura deste contrato, o Concello traballa na elaboración dun protocolo de actuación e deulle traslado á Policía Local do cambio de servizo para a coordinación e xestión dos avisos.

Segundo establece o contrato, o gasto correspondente á prestación do servizo terá un límite máximo anual de 14.400 euros máis IVE. No contrato tamén se fixa que a empresa elaborará unha ficha que entregará ao Concello por cada animal recollido na que se incluirá a fotografía e toda a historia do animal desde que é recollido ata que sae da canceira. Ademais, no caso de que os animais teñan chip será obrigatorio avisar ao dono e intentar localizalo antes de que o can sexa trasladado á canceira.

O cambio de modelo no servizo de canceira permitiralle ao Concello de Ames un aforro de máis de 36.000 euros. Ademais, incluirá o servizo de lacería que ata o de agora se realizaba a través de traballadores do Concello e que non se podía facer polas tardes ou o fin de semana, co conseguinte problema para a seguridade viaria. Deste xeito, favorecerase a eficacia na recollida e traslado dos animais nun tempo máximo de media hora.

No pleno ordinario de xaneiro, a Corporación municipal aprobou por unanimidade a saída do Concello de Ames da Fundación Pública Refuxio de Animais de Santiago de Compostela. Na sesión, a edil de Medio Ambiente agradeceu a colaboración dos grupos da oposición e comprometeuse a seguir colaborando para elaborar un protocolo de actuación. A concelleira confirmou que solicitará un informe mensual sobre a situación dos animais, que se inclúa una sección na páxina web con fotos e ficha dos animais recollidos e que se intente localizar ao dono a través do microchip antes de saír para a canceira.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames asina con Servigal o contrato do servizo de lacería e canceira"