[30-12-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou coa presidenta do Fútbol Club Meigas, Isabel Fraga González, o convenio para a impartición das escolas deportivas municipais de fútbol sala feminino ao longo deste 2014. Deste xeito, o Concello e o club amiense reforzan un ano máis a súa liña de traballo conxunto á fronte dunha escola deportiva que reúne a rapazas de Ames co fin de promover o deporte feminino, o exercicio físico e levar unha vida saudable.
O convenio regula o traballo conxunto que se desenvolverá para que o club xestione a escola deportiva municipal de fútbol sala feminino. Tras a sinatura do convenio, o alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou “o traballo desenvolvido polo Fútbol Club Meigas no fomento e desenvolvemento do deporte feminino en Ames”.
O rexedor fixo fincapé no “compromiso do Concello de Ames co deporte e a súa aposta por poñer a disposición dos amienses unha ampla e variada oferta de disciplinas deportivas para todas as idades, sendo un dos poucos concellos que aposta intensamente polo deporte feminino”. Santiago Amor animou ao Meigas a “seguir traballando para levar o nome de Ames e das xogadoras amienses ás diferentes categorías do fútbol sala”.
O Fútbol Club Meigas foi posto en marcha no ano 2004. O obxectivo deste club dende a súa fundación foi ofrecer ás xogadoras do concello a posibilidade de practicar fútbol sala, formar unha canteira de xogadoras, e que pouco a pouco sexan estas xogadoras as que fagan crecer o club. Dende a súa fundación o club foi aumentando o número de equipos e de participantes ata chegar actualmente a estar composto de 4 equipos e máis de 40 xogadoras.




