[18-03-2016] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar as contas xustificativas presentadas polas asociacións beneficiarias de axudas dentro da convocatoria de subvencións para promoción de festas populares celebradas no exercicio 2015. Trala aprobación da xustificación, nas vindeiras semanas o Concello de Ames realizará o pagamento dun total de 17.900 euros entre 6 entidades municipais.
Cómpre lembrar que na Xunta de Goberno Local, celebrada o 15 de maio do pasado ano 2015, deuse aprobación ás bases da convocatoria de subvencións para a promoción de festas populares celebradas no exercicio 2015. Posteriormente, xa co novo goberno municipal, o pasado 5 de novembro de 2015, a Xunta de Goberno aprobou o reparto de achegas con cargo a esta convocatoria de axudas.
Agora, tendo en conta que as entidades solicitantes achegaron toda a documentación xustificativa esixida polas bases reguladoras da convocatoria, e revisada polo departamento municipal de Cultura, a Xunta de Goberno Local acordou aprobar o pagamento destas subvencións.
Deste xeito, nas vindeiras semanas o Concello de Ames ingresará un total de 17.900 euros entre 6 entidades municipais. As asociación beneficiarias son a Asociación de Veciños de Bugallido, que recibirá 2.000 euros; a Asociación cultural e de festexos Virxe da Peregrina que disporá de 7.000 euros; a Asociación cultural - comisión de festas San Lourenzo de Agrón á cal lle corresponden 900 euros; a Asociación de festas do Milladoiro que percibirá 7.000 euros; a Asociación cultural San Xoanciño de Pousada que recibirá 500 euros; e a Asociación social e cultural e deportiva O Corpiño, que ingresará outros 500 euros.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que "nas vindeiras semanas estas seis asociacións recibirán os importes que lle foron concedidos a través desta liña de axudas públicas e revisaranse as bases para convocar canto antes as subvencións correspondentes ao ano 2016".
Contido relacionado

La Voz de Galicia:"El Concello de Ames asigna cerca de 18.000 euros para organizar festejos populares"
El Correo Gallego:"Reparten 18.000 euros en subvenciones entre 6 asociaciones de festejos"




