[05-03-2011] O goberno municipal de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, segue apostando pola mellora das infravivendas daqueles veciños con escasas posibilidades económicas para levar a cabo os arranxos necesarios nas súas casas para convertelas en habitables. Co Plan Municipal de Infravivenda, o Concello de Ames pretende pór a disposición dos veciños e veciñas con menos recursos a dotación económica necesaria para realizar todas aquelas melloras necesarias para converter a súa infravivenda nun fogar minimamente habitable con todos os servizos básicos necesarios garantidos. Durante 2010 o goberno local aprobou destinar un total de 56.818 euros a arranxar cinco infravivendas.
O Programa Municipal de Infravivenda ideado polo goberno municipal e posto en marcha pola Concellaría de Benestar Social e Igualdade ten como finalidade facilitar o arranxo das infravivendas do concello que non cumpren as regras mínimas de habitabilidade ao non estar dotadas cos servizos necesarios para garantir unha mínima calidade de vida. Así, no eido deste programa, o Concello de Ames arranxou durante o ano 2010 un total de 5 infravivendas nas que se investiron un total de 56.818 euros, partida aportada pola Administración local.
As edificacións que poden acceder a este tipo de axudas son aquelas que se coñecen como infravivendas, é dicir, as que, sen reuniren, as condicións mínimas de habitabilidade, son empregadas como vivendas por familias con ingresos baixos. A seguridade e as condicións hixiénico-sanitarias, xunto coa existencia dun espazo habitable suficiente e dos servizos de auga e electricidade, son algúns deses factores que se entenden como condicións mínimas de habitabilidade e que non están presentes por completo nas vivendas que reciben as subvencións do Plan Municipal de Infravivenda.
Este é un claro exemplo das achegas que realiza o goberno municipal en materia de servizos sociais. Cómpre lembrar que durante o pasado ano o Concello de Ames investiu en diferentes actividades e programas de servizos sociais a contía de 1.559.376 euros. Destes programas puidéronse beneficiar un total de 2.032 persoas. Todos os servizos sociais ofertados polo Concello de Ames están destinados a mellorar as posibilidades e as condicións de vida de todos os amienses, sobre todo de aqueles con necesidades especiais.
Acondicionamento das vivendas
A maior parte das reparacións levadas a cabo neste plan de vivenda son de pequeno calado e moi básicas. Así, realízase a incorporación ou mellora dos servizos básicos de auga, auga quente e electricidade, a reparación de baños ou aseos mellorando a salubridade e accesibilidade dos mesmos e a instalación, reparación ou mellora da cociña (cambio de vellas cociñas de ferro por unhas novas máis seguras e eficaces, instalación de azulexos, reparación dos condutos da auga, instalación de pisos con materiais de calidade).
Outros traballos que se realizan son a instalacións de portas e fiestras, de especial importancia nun concello onde as baixas temperaturas polo inverno son considerables. Tamén se levan a cabo arranxos de cubertas para impedir que as choivas e a humidade entren nestas vivendas. Este tipo de traballos, malia ser moi básicos, garanten que as infravivendas cumpran as mínimas condicións de habitabilidade humana no que a servizos, protección fronte á choiva e o vento, e hixiene se refire.
As vivendas que poden beneficiarse deste programa de axudas son aquelas que, sen reuniren as condicións mínimas de habitabilidade, son empregadas como vivendas de familias con moi baixos ingresos. Así, co Plan Municipal de Infravivenda o que o Concello de Ames pretende é pór a disposición destas familias a posibilidade de mellorar as condicións de seguridade, hixiénico-sanitarias e espaciais dos seus fogares, garantindo ademais o correcto acceso e funcionamento de servizos básicos como a luz e a auga, factores todos eles necesarios para vivir en boas condicións.
Para acceder a estas axudas, ademais de carecer dos recursos económicos necesarios para levar a cabo por conta propia os arranxos e posuír unha vivenda que non cumpre coas normas mínimas de habitabilidade, o concello esixe ao propietario da vivenda a arranxar que esta sexa o fogar habitual do solicitante e que o vaia ser despois das obras de mellora por un período mínimo de 5 anos, así como non dispor doutra vivenda habitable.
A concellaría de Benestar Social e Igualdade seguirá apostando por este tipo de políticas de axuda aos máis desfavorecidos do concello durante 2011.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El Concello amiense abonó 57.000 euros para cinco infraviviendas"
La Voz de Galicia: "El Concello amiense abonó 57.000 euros para cinco infraviviendas"
La Voz de Galicia: "El Concello amiense abonó 57.000 euros para cinco infraviviendas"
La Voz de Galicia: "El Concello amiense abonó 57.000 euros para cinco infraviviendas"




