[23-05-2015] O Concello de Ames aprobou este venres en Xunta de Goberno catro intervencións no Milladoiro, Ventosa (Covas) e en Outeiro-Costoia, correspondentes ao Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación provincial, por valor de 318.287 euros.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, destaca estas actuacións como “moi necesarias, procurando o máximo rendemento aos fondos do POS”. Amor suliña o “esforzo investidor deste goberno municipal para atender axeitadamente tanto os núcleos urbanos coma rurais”.
No Milladoiro, acometerase a adecuación da praza situada entre a rúa Agro da Madalena e a avenida de Rosalía de Castro, por un importe de licitación de 50.000 euros.
Na parroquia de Covas, mellorarase o camiño no lugar de Ventosa cun investimento de 67.913 euros, e tamén o camiño de Foxos, intervención á que se destinarán 62.191 euros.
Finalmente, e cun importante investimento de 138.183 euros, arranxarase o camiño de Outeiro – Costoia – Límite Concello e outros.




