Pestanas principais

O Concello de Ames aproba unha operación de tesouraría por valor de 2.775.000 euros para afrontar de xeito inmediato pagamentos a provedores

Martes, 14 de febreiro de 2012

[14-02-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou esta mañá, tras a reunión da mesa de contratación, o decreto polo que se resolve a adxudicación a favor do Banco Bilbao Vizcaya dunha operación de tesouraría, articulada a través dunha conta de crédito, cun límite máximo de 2.775.000 euros para afrontar de xeito inmediato pagamentos de facturas a provedores. Con esta operación, o Concello de Ames poderá realizar pagamentos xa neste mes de febreiro, sen ter que esperar á recadación dos impostos municipais. A formalización da operación terá lugar mañá no acto oficial de sinatura.

A contratación desta operación permite responder de forma eficaz ás necesidades constatadas polo departamento de Tesouraría do Concello de Ames, que nun informe expoñía que a configuración do calendario do contribuínte estaba a crear picos de ingresos e picos de falta de liquidez. Nesta dinámica, ata finais de ano non se recada o Imposto de Bens Inmobles (IBI), o tributo de maior capacidade recadatoria. Iso obriga ao Concello a adiantar pagos a provedores.

A operación adxudicada esta mañá fará posible contar con liquidez para os próximos meses. A contratación conta co informe favorable dos servizos de Intervención do Concello de Ames, que acreditaron que a Administración local pode soportar os intereses que xerará esta operación de crédito. A contratación, anunciada debidamente no perfil do contratante, non será un préstamo para o Concello, senón que consiste nun anticipo do que as arcas municipais ingresan a final de ano a través dos impostos.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames pide una línea de crédito de 2,7 millones para obtener liquidez"
El Correo Gallego: "Ames pide al BBVA 2,7 millones para pagar a proveedores"