Pestanas principais

O Concello de Ames aproba os datos do censo municipal de 2018 que se achega aos 32.000 habitantes

Sábado, 27 de abril de 2019

O Concello de Ames vén de aprobar os datos do censo municipal de 2018. Estes datos, que son provisionais, foron enviados ao INE que no mes de novembro ou decembro publicará os datos definitivos no Boletín Oficial do Estado. Segundo os datos que manexa o padrón municipal, a finais do pasado ano había en Ames un total de 31.858 habitantes, dos cales 15.278 homes e 16.580 mulleres. Asemade, durante o pasado exercicio houbo 249 nacementos e 173 defuncións. Segundo os datos oficiais do INE, o concello de Ames na última década, entre 2009 e 2018, incrementou o seu censo en 4.295 habitantes. Dende o ano 2.000 ata 2018 o incremento foi de 14.729 habitantes. Durante os últimos 20 anos case se dobrou a poboación do concello.

O concello de Ames segue a sumar habitantes un ano máis e xa se achega aos 32.000 veciños/as. Segundo os datos que aprobou de xeito provisional o departamento do padrón municipal o exercicio 2018 pechouse con 31.858 habitantes censado en Ames, dos que unha gran maioría deles están en idade de traballar e outra ampla maioría encádrase no grupo dos mozos, garantindo así o futuro demográfico do concello.

Así, na franxa de 0 a 9 anos hai 3.568 persoas censadas (11,20% da poboación total); de 10 a 19 anos son 3.615 (11,35%); de 20 a 29 anos hai 2.922 (9,17%); de 30 a 39 anos están censadas 4.579 persoas (14,37%); de 40 a 49 hai 6.885 (21,61%); de 50 a 59 están rexistrados 4.940 (15,51%); de 60 a 69 figuran no censo 2.674 habitantes (8,39%); de 70 a 79 hai 1.621 (5,09%); de 80 a 89 existen 858 (2,69%); de 90 a 99 son 193 habitantes (0,61%); e de 100 a 109 hai 3 mulleres (0,01%).

O grupo de idade máis numerosos é o que está entre os 40 e os 49 anos, seguido dos grupos de 50-59 e 30-39. Deste xeito, o municipio amesán segue a ser un dos concellos que máis medra en toda Galicia, cunha porcentaxe de poboación nova moi alta, o que sitúa a idade media da poboación amesá arredor dos 38 anos aproximadamente. Ademais, Ames é un dos concellos galegos cun mellor saldo vexetativo. Durante o 2018 houbo 249 nacementos e 173 defuncións.

Reparto da poboación amesá
Tendo en conta os datos do padrón municipal pódese dicir que Ames destaca pola paridade en canto a sexos. Se falamos de demografía, tan só existen catro puntos de diferenza entre os homes e as mulleres. Hai 15.278 homes, que representa o 47,96% da poboación, mentres que elas son 16.580 e representan o 52,04%.

Nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro residen 22.026 habitantes, que representa o 69% da poboación total do concello. Por localidades, Milladoiro segue á cabeza do concello cun total de 13.182 habitantes censados (41,37% da poboación), dos cales 6.270 (47,56%) son homes e 6.912 (52,44%) son mulleres.

Por outra banda, en Bertamiráns están censados 8.844 persoas (27,76% da poboación). Neste caso hai 4.235 (47,89%) homes e 4.609 (52,11%) mulleres. Os 9.832 habitantes (30,86% da poboación) restantes distribúense entre as urbanizacións e as zonas rurais do concello. Esta poboación repártese do seguinte xeito: en Agrón residen 369 persoas; na Ameixenda 331; na parroquia de Ames 1.569; en Biduído 1.658; en Bugallido 1.568; en Covas 992; en Lens 91; en Ortoño 2.568; en Piñeiro 239; Tapia 115; e en Trasmonte 332.

Crecemento dende o ano 2.000
Nas últimas décadas, Ames foi un dos concellos galegos que máis medrou. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2000 o concello de Ames dispoñía de 16.549 habitantes (8.048 homes e 8.501 mulleres). En 2003 o número de habitantes xa ascendía a 20.016 persoas (9.718 homes e 10.298 mulleres), polo que o incremento en tres anos foi de 3.467 habitantes, máis de mil persoas por ano. Se nos detemos no ano 2006 o censo xa acumulaba un total de 23.219 habitantes (11.268 homes e 11.951 mulleres), polo que se volve a incrementar a cifra de censados en 3.203 persoas.

En 2009 o censo ascendeu ata chegar aos 26.983 habitantes (13.079 homes e 13.904 mulleres), polo que se volveu a producir un novo incremento de 3.764 habitantes respecto ao ano 2006. A principios de 2012 Ames xa contaba cun total de 29.331 habitantes, polo que en tres anos volveu a incrementarse en 2.348 o número de habitantes. Tres anos despois, a principios de 2015, o INE contabilizaba un total de 30.267 habitantes (14.608 homes e 15.659 mulleres).

Os últimos datos oficiais do INE correspondentes ao 1 de xaneiro de 2018, que foron publicados 2 de xaneiro de 2019, indican que a comezos do exercicio 2018 en Ames había censadas 31.278 persoas, polo que o incremento nese período de tres anos (2015-2018) foi un pouco máis moderado con 1.011 novos habitantes amesáns.

Ligazóns

O Concello de Ames aproba os datos do censo municipal de 2018 que se achega aos 32.000 habitantes

Multimedia

  • O Concello de Ames aproba os datos do censo municipal de 2018 que se achega aos 32.000 habitantes