Pestanas principais

O Concello de Ames aproba os datos do censo municipal de 2017 que ascenden a 31.333 habitantes

Sábado, 28 de abril de 2018

[28-04-2018] O Concello de Ames vén de aprobar os datos do censo municipal de 2017. Estes datos, que son provisionais, foron enviados ao INE que no mes de novembro ou decembro publicará os datos definitivos no Boletín Oficial do Estado. Segundo os datos que manexa o padrón municipal, a finais do pasado ano había en Ames un total de 31.333 habitantes, dos cales 15.047 homes e 16.286 mulleres. Asemade, durante o pasado exercicio houbo 296 nacementos e 154 defuncións. O total de altas no exercicio 2017 foi de 1.713 habitantes, mentres que o total de baixas ascendeu a 1.483 persoas. Un total de 813 habitantes cambiaron de domicilio dentro do termo municipal.

O concello de Ames segue a sumar habitantes un ano máis e xa se consolida como un municipio con máis de 30.000 veciños/as. Segundo os datos que aprobou de xeito provisional o departamento do padrón municipal o exercicio 2017 pechouse con 31.333 habitantes censado en Ames, dos que unha gran maioría deles están en idade de traballar e outra ampla maioría encádrase no grupo dos mozos, garantindo así o futuro demográfico do concello.

Así, na franxa de 0 a 9 anos hai 1.232 persoas censadas (14,29% da poboación total); de 10 a 19 anos son 987 (11,45%); de 20 a 29 anos hai 716 (8,3%); de 30 a 39 anos están censadas 1.520 persoas (17,63%); de 40 a 49 hai 2.063 (23,93%); de 50 a 59 están rexistrados 1.136 (13,18%); de 60 a 69 figuran no censo 506 habitantes (5,87%); de 70 a 79 hai 291 (3,38%); de 80 a 89 existen 152 (1,76%); e de 90 a 99 son 19 habitantes (0,22%).

Deste xeito, o municipio amesán segue a ser un dos concellos que máis medra en toda Galicia, cunha porcentaxe de poboación nova moi alta, o que sitúa a idade media da poboación amesá arredor dos 38 anos aproximadamente. Ademais, Ames é un dos concellos galegos cun mellor saldo vexetativo. Durante o 2017 houbo 296 nacementos e 154 defuncións. O total de altas no exercicio 2017 foi de 1.713 habitantes, mentres que o total de baixas ascendeu a 1.483 persoas. Un total de 813 habitantes cambiaron de domicilio dentro do termo municipal.

O alcalde, José Miñones, explica que “a pesar do descenso da natalidade e maila diminución de poboación que lle está afectando a inmensa maioría dos concellos galegos, Ames segue a ser un dos concellos que continúa medrando ano a ano. Estes números tan positivos son o resultado das políticas de conciliación e o feito de que en Ames se conte cuns servizos de calidade. Ademais. Este crecemento da poboación non pode quedar de lado para as outras Administracións, xa que son moitas as necesidades que existen no noso termo municipal debido a este crecemento exponencial, tales como o centro de saúde do Milladoiro, ou a mellora do de Bertamiráns, ou o investimento educativo e deportivo necesario para a nosa mocidade, e mesmo o de depuración que é tan urxente”.

Reparto da poboación amesá
En Bertamiráns e no Milladoiro residen 21.498 habitantes, que representa algo máis do 68% da poboación. Por localidades, Milladoiro segue á cabeza do concello cun total de 12.876 habitantes censados (41% da poboación), dos cales 6.119 (47,52%) son homes e 6.757 (52,48) son mulleres. Mentres que en Bertamiráns están censados 8.622 persoas (27,50% da poboación). Neste caso hai 4.157 (48,21%) homes e 4.465 (51,79%) mulleres. Os 9.835 habitantes (31,50% da poboación) restantes distribúense entre as urbanizacións e as zonas rurais do concello. Esta poboación repártese do seguinte xeito: en Agrón residen 381 persoas; na Ameixenda 329; na parroquia de Ames 1.554; en Biduído 1.675; en Bugallido 1.543; en Covas 965; en Lens 93; en Ortoño 2.595; en Piñeiro 244; Tapia 120; e en Trasmonte 336.

Con todos os datos derriba da mesa, podemos dicir que Ames destaca pola paridade en canto a sexos. Se falamos de demografía, tan só existen catro puntos de diferenza entre os homes e as mulleres. Hai 15.047 homes, que representa o 48% da poboación, mentres que elas son 16.286 e representan o 52%.

Crecemento dende o ano 2.000
Nas últimas décadas, Ames foi un dos concellos galegos que máis medrou. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2000 o concello de Ames dispoñía de 16.549 habitantes (8.048 homes e 8.501 mulleres). En 2003 o número de habitantes xa ascendía a 20.016 persoas (9.718 homes e 10.298 mulleres), polo que o incremento en tres anos foi de 3.467 habitantes, máis de mil persoas por ano. Se nos detemos no ano 2006 o censo xa acumulaba un total de 23.219 habitantes (11.268 homes e 11.951 mulleres), polo que se volve a incrementar a cifra de censados en 3.203 persoas.

En 2009 o censo ascendeu ata chegar aos 26.983 habitantes (13.079 homes e 13.904 mulleres), polo que se volveu a producir un novo incremento de 3.764 habitantes respecto ao ano 2006. A principios de 2012 Ames xa contaba cun total de 29.331 habitantes, polo que en tres anos volveu a incrementarse en 2.348 o número de habitantes. Tres anos despois, a principios de 2015, o INE contabilizaba un total de 30.267 habitantes (14.608 homes e 15.659 mulleres). O incremento nos últimos tres anos (comezos de 2015 a comezos de 2018) foi un pouco máis moderado con algo máis de 1.000 novos habitantes amesáns.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El área de Santiago perdió en cinco años una población equivalente a la de Trazo"
Compostela 24 horas: "Ames sigue creciendo en población año tras año"
El Correo Gallego: "Ames mantiene la curva de crecimiento y cerró el año 2017 con 31.333 habitantes"
La Voz de Galicia: "224 concellos tienen ahora menos población que en el censo de 1920"