Pestanas principais

O Concello de Ames aproba o seu segundo Plan para a Igualdade entre homes e mulleres, que contempla máis de 130 actuacións

Martes, 28 de maio de 2013

[28-05-2013] O Concello de Ames vén de dar luz verde ao seu II Plan para a Igualdade entre homes e mulleres, que reúne as medidas e obxectivos que se marca a administración municipal para os próximos tres anos. O documento, que foi aprobado pola Xunta de Goberno Local, contempla máis de 130 actuacións que permitirán camiñar cara a igualdade de oportunidades real e efectiva entre ambos xéneros. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o II Plan para a Igualdade entre homes e mulleres do Concello de Ames (2013-2015).

No II Plan para a Igualdade entre homes e mulleres do Concello de Ames (2013-2015) realízase unha importante aposta pola transversalidade e pola integración da perspectiva de xénero en todas as áreas de traballo institucional. O plan establece seis áreas de intervención: dando exemplo dende a institución a favor da igualdade, ensinando e sensibilizando para o cambio de valores, promovendo a participación activa das mulleres e o seu benestar físico e psicosocial, compartindo traballos e tempos, creando infraestruturas sostibles para a igualdade e actuando contra a violencia de xénero.

A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, subliña que “nos últimos anos demos importantes pasos na senda da igualdade, pero somos conscientes de que hai que seguir traballando, e por iso aprobamos este plan”. A concelleira apostou por “seguir traballando na sensibilización da poboación amiense e continuar executando unha política integral que implique a todas as áreas de xestión municipal na consecución do principio de igualdade”.

A estrutura do novo plan de igualdade do Concello de Ames está integrada por catro elementos: estas áreas de intervención, como ámbitos de traballo delimitados e concretos, e cada unha delas está asociada a un obxectivo estratéxico. Cada un destes obxectivos estratéxicos, á súa vez, subdivídese en varios obxectivos operativos, ou metas concretas. Por último, para cada un dos obxectivos operativos defínense as actuacións, que suman máis de 130 en total.

Actuacións diversas
Entre as actuacións que se contemplan no plan, que pode consultarse na web municipal (www.concellodeames.org), están o desenvolvemento dunha xornada formativa-informativa para dar a coñecer o documento entre o persoal do Concello, realización de formación específica, impulso á realización de estudos, á participación paritaria nas comisións municipais, reforzo das medidas de conciliación ou a creación dun buzón de suxestións en materia de igualdade.

Tamén se contempla a realización de obradoiros de carácter lúdico en materia de igualdade, sesións formativas sobre orientación profesional non sexista, actividades formativas dirixidas ao profesorado, obradoiros de corresponsabilidade dirixidos a homes e mulleres, desenvolvemento de campañas de sensibilización ou actividades nos centros de ensino.

O plan inclúe, ademais, accións para potenciar as actividades culturais cunha clara compoñente de xénero, realización de obradoiros de comunicación, colaboración coa comunidade educativa na formación en valores non sexistas, análise e atención dos novos colectivos en risco de exclusión a causa da crise e reforzamento da coordinación entre os departamentos municipais con competencia en materia de igualdade, saúde e benestar con outros centros e entidades. Entre outras moitas accións, inclúese a realización de sesións de asesoramento para o autoemprego, fomento do cooperativismo entre as mulleres amienses, programas de fomento da conciliación e actividades de sensibilización e loita contra a violencia de xénero.

Este documento é produto tanto da avaliación dos resultados do primeiro plan de igualdade municipal como da información aportada polo Concello de Ames e polo seu persoal técnico, coñecedor da realidade das mulleres e homes amienses. Neste novo documento de traballo incorporáronse aspectos que foron froito da avaliación do primeiro plan. Deste xeito, adaptouse o Plan para a Igualdade entre homes e mulleres á realidade do Concello, decidindo dar continuade ao traballo de sensibilización da poboación amiense, estender de xeito tranversal a perspectiva de xénero polos diferentes departamentos do Concello, dar continuidade no tempo ás distintas actividades existentes e propoñer novas accións adaptadas á realidade de Ames, así como incentivar a coeducación e a igualdade de sexos entre os máis pequenos/as, que son a base do cambio social e impulsar a formación en materia de igualdade para os diferentes profesionais: persoal do Concello, políticos/as, profesorado, etc...

Seguimento e avaliación
Este plan conta cun procedemento de seguimento e avaliación de cada unha das actuacións, algo que permite coñecer, tanto durante a súa implantación como con posterioridade, o grao de pertinencia das medidas propostas e o grao de consecución dos obxectivos marcados. O seguimento do plan impulsarase dende a Concellería de Benestar Social con carácter anual e coa colaboración directa do persoal técnico responsable do seu desenvolvemento en cada un dos restantes departamentos do Concello, a través da constitución dunha comisión.

Este seguimento poderá reorientar ou reformular determinadas medidas en función dos resultados acadados, co obxecto de garantir o correcto desenvolvemento do plan e obter os mellores resultados en termos de eficacia, eficiencia e impacto.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames aproba o seu segundo Plan para a Igualdade entre homes e mulleres"
La Voz de Galicia: "El Concello amiense aprueba su Plan para a Igualdade"