Pestanas principais

O Concello de Ames aproba o reparto de axudas para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social levadas a cabo por entidades de iniciativa social

Sábado, 16 de febreiro de 2019

[16-02-2019] A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 31 de xaneiro o reparto de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro destinadas á promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social, realizadas durante o exercicio 2018. As cinco entidades beneficiarias, entre as que se repartirán un total de 34.752,89 euros, deberán presentar os documentos de xustificación de gastos ata o vindeiro 28 de febreiro.

O Concello de Ames destina un total de 34.752,89 euros para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social impulsadas por entidades de iniciativa social ao longo do exercicio 2018. As cinco entidades beneficiarias son entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro legalmente constituídas, cuxo radio de acción abrangue, entre outros ámbitos, no Concello de Ames. Así, estas entidades deben estar inscritas no Rexistro de asociacións da Xunta de Galicia, atoparse ao corrente no cumprimento de todas as súas obrigas tributarias.

As entidades beneficiarias desta liña de axudas e mailos importes aprobados son: a asociación Arcea Adames (12.559,43 euros); a asociación de persoas xordas de Santiago (710,54 euros); Cáritas diocesana Santiago parroquial de Ortoño (14.940 euros); a asociación Fonte da Virxe de familiares e amigos dos enfermos mentais (5.000 euros); e maila Fundación Amigos de Galicia (1.542,92 euros).

Os obxectivos desta liña de axudas son procurar unha óptima atención complementaria ás e aos usuarios/as dos Servizos Sociais, mediante a cofinanciacións das actividades levadas a cabo por entidades de iniciativa social no ámbito dos servizos comunitarios e da inclusión social. A través destas axudas búscase formular un instrumento único que dea cabida a todas as iniciativas que neste ámbito competencial son desenvolvidas por entidades desta natureza, facilitándose así unha máis efectiva coordinación entre os dispositivos existentes. Ademais, tamén se pretende unificar programas e actividades que, aínda que comparten obxectivo cos realizados no ámbito municipal, non comparten a mesma natureza en canto aos responsables da súa xestión.

Proxectos de inclusión social ou de convivencia
Así, as liñas de actuación subvencionables por este tipo de axudas son aquelas complementarias dos Servizos Sociais municipais, como é o caso de proxectos de inclusión social ou de convivencia, actividades de divulgación dos efectos de determinadas enfermidades, adiccións ou outras problemáticas de índole sanitarios, e actuacións destinadas a adquirir capacitación persoal, formación básica e de tipo laboral específica, adaptadas ás necesidades de persoas con algún tipo de discapacidade.

As entidades beneficiarias terán que presentar a documentación necesaria para xustificar os gastos subvencionados ata o 28 de febreiro de 2019, que deberán corresponder ao exercicio 2018. No caso de non xustificarse a totalidade dos gastos, realizarase a correspondente minoración. Asemade, tamén será necesario que acheguen a acreditación da realización da correcta difusión do carácter público do financiamento que demostre as medidas de difusión elixidas, posto que a base recollía o deber de ditas entidades de dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención. Unha vez emitida dita documentación e comprobada polo órgano xestor, emítese un informe coas contías que se lle terá que aboar a cada unha das entidades beneficiarias.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames aprueba el reparto de ayudas para servicios sociales"