Pestanas principais

O Concello de Ames aproba o reparto de axudas para a promoción da actividade comercial

Luns, 10 de xuño de 2013

[10-06-2013] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobou o reparto de axudas para a promoción de actividade comercial. En total, concedéronse preto de 22.000 euros en axudas destinadas a promover actividades desenvolvidas no 2012 polas catro asociacións de empresarios e comerciantes existentes no Concello de Ames, que están legalmente constituídas e que figuran inscritas no rexistro de asociacións. Esta contía repártese en dous capítulos: a primeira partida está dirixida á promoción comercial, mentres que a segunda partida está destinada a infraestruturas e equipamentos.

En total, destináronse 15.971 euros á promoción de actividades levadas a cabo polas catro asociacións de comerciantes (Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Asociación de Empresarios do Milladoiro, Asociación Viorneira Palmira Boulebar e Asociación de Empresarios Polígono Novo Milladoiro). Como novidade, nesta convocatoria valoráronse máis aquelas iniciativas postas en marcha en colaboración polas catro asociacións. Ademais, destináronse 6.000 euros a infraestruturas e equipamentos para estes colectivos.

O concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Bernardo Moar, destaca que, con esta convocatoria “téntase achegar o comercio amiense ao maior número de clientes e mellorar a calidade da actividade comercial. Ademais, preténdese impulsar a existencia dunha actividade estable de promoción e mellora do comercio dentro do ámbito territorial do Concello, programada e desenvolvida polas entidades asociativas do sector”.

Festas populares
A Xunta de Goberno Local tamén resolveu a aprobación das subvencións para a promoción de festas populares celebradas no exercicio 2012. En total, repartíronse 15.800 euros entre oito asociacións de festas do municipio amiense. Desta convocatoria puideron beneficiarse as asociacións culturais de Ames, legalmente constituídas e inscritas no rexistro municipal, e as comisións de festas.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames aproba o reparto de axudas para a promoción da actividade comercial"