[01-06-2012] O Concello de Ames deu luz verde na sesión plenaria celebrada onte ao regulamento das axudas para o transporte metropolitano social. Este regulamento enmárcase no convenio de colaboración para o Desenvolvemento Conxunto do Transporte Metropolitano de Galicia na área de Santiago, que implica que se teñan que regular as axudas contempladas para o uso do transporte público, das que os amienses farán uso a través da tarxeta social metropolitana. O pleno tamén aprobou a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación de servizos na Escola Municipal de Música de Ames (EMMA)
A tarxeta social metropolitana poderana solicitar cidadáns empadroados no Concello de Ames, ou que acrediten unha antigüidade mínima de empadroamento de polo menos doce meses en calquera concello da área metropolitana de Santiago.
Poderán beneficiarse os maiores de 65 anos con ingresos iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM; persoas con 65% de discapacidade e con ingresos iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM, e persoas con máis de 12 meses en situación de desemprego, sen ingresos e que teñan traballado doce meses nos últimos cinco anos. Á tarxeta social metropolitana tamén se poderán acoller persoas en situación de risco social, que deberán presentar un informe social emitido polo persoal técnico municipal dos servizos sociais no que quede acreditada tal circunstancia.
Segundo o regulamento, a tarxeta social metropolitana outorga un 50% do custo das viaxes con tarxeta de transporte metropolitano, ata un máximo de 20 viaxes mensuais no caso de maiores de 65 anos, persoas con discapacidade e desempregados. En caso de risco de exclusión social a subvención será do 100% do importe da viaxe, ata un máximo de 30 viaxes ao mes.
A contía das axudas fixarase tomando como referencia o prezo da viaxe sinxela, na actualidade de 0,78€. O abonamento das axudas concedidas farase efectivo a través da tarxeta metropolitana social no momento de efectuar a súa recarga por parte do titular. Con carácter xeral, as axudas terán unha vixencia anual, en tanto se manteñan as condicións que determinaron a súa concesión.
A aprobación inicial do regulamento, que estará un mes a exposición pública e que inclúe enmendas presentadas polos grupos municipais, levouse a cabo cos votos a favor do grupo municipal popular e a abstención do resto de grupos.
Escola Municipal de Música
O pleno celebrado onte tamén deu luz verde á aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación de servizos na Escola Municipal de Música de Ames (EMMA). Este punto contou cos votos a favor do grupo municipal popular, mentres que os concelleiros de Ames Novo votaron en contra e os do PSOE abstivéronse.
A anterior ordenanza databa de 2004 e, de cara ao vindeiro curso 2012-2013, introdúcense novas modificacións no texto. Estes cambios supoñen, ademais da actualización dos prezos, a introdución dun novo artigo que regula a organización das materias a impartir.
Tras a aprobación dos asuntos do día, o pleno admitiu unha moción sobre a taxa do lixo presentada pola vía de urxencia polos grupos municipais do PSOE e de Ames Novo, que se podería ter presentado por vía ordinaria. Con todo, e ante a imposibilidade de poder continuar o debate da moción xa iniciado, procedeuse ao levantamento da sesión.