[17-04-2012] A Xunta de Goberno Local de Ames aprobou inicialmente na súa reunión de hoxe o Plan especial de dotacións da Cidade Deportiva que o Real Aero Club de Santiago proxecta instalar na parroquia amiense de San Mamede de Piñeiro. O Plan aprobado inicialmente, presentado con data 20 de marzo de 2012, conta co informe favorable dos servizos técnicos e xurídicos do departamento de Urbanismo.
Tras a aprobación inicial, o documento será sometido a exposición pública e a resolución será notificada aos titulares catastrais contidos no ámbito, así como aos concellos limítrofes de Val do Dubra e Santiago de Compostela. Do mesmo xeito, solicitaranse informes sectoriais aos seguintes departamentos: Augas de Galicia, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral do Forestal, Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas e Secretaría de Estado de Telecomunicacións.
Esta decisión supón un paso decisivo no proxecto que o Aero Club prevé desenvolver en Ames despois de que no mes de xaneiro fora aprobada a licencia de obra maior para a construción da nave de mantemento, a marquesiña de práctica de golf, catro pistas de tenis descubertas e o aparcamento.
Como antecedentes, hai que lembrar que no seis de outubro de 2011 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e urbanismo informou favorablemente para a práctica de actividades deportivas que se desenvolverán ao aire libre en solo rústico. O 27 de decembro de 2011 a Xunta de Goberno Local concedera a licencia de instalacións e obra para o campo de golf. As obras deberán dar comezo antes de seis meses e terán que finalizar antes de tres anos.




