Pestanas principais

O Concello de Ames aproba as bases da convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polas ANPAS

Mércores, 22 de maio de 2013

[22-05-2013] O Concello de Ames vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polas ANPAS dos centros educativos amienses ao longo dos anos 2012 e 2013. En total, destínanse 37.000 euros para esta convocatoria de subvencións (18.500 euros para cada ano). A través destas achegas poderanse sufragar ata un máximo do 80% das saídas culturais ou das actividades extraescolares, que levan a cabo estas asociacións. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e os impresos de solicitude destas axudas.

As solicitudes deberán presentaranse no rexistro xeral do Concello de Ames ou en calquera outro rexistro público. O prazo para presentar as solicitudes na convocatoria de 2012 será dun mes desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia. Por outra banda, para a convocatoria de 2013, estableceuse que o prazo para presentar as solicitudes será durante todo o mes de novembro de 2013. As solicitudes deberán achegarse nos modelos normalizados correspondentes, que poden obterse nas dependencias do departamento de Educación. En caso de solicitar achega para varias actividades, deberá encherse un modelo de solicitude para cada unha delas.

O obxectivo principal desta convocatoria de axudas é enriquecer a formación da poboación escolar do Concello de Ames, a través do desenvolvemento de actividades coas que complementen a formación regrada que reciben nos centros educativos. Ademais, búscase promover a convivencia da poboación escolar fóra do ámbito puramente académico e impulsar a conciliación da vida laboral e familiar, así como ofrecer aos pais e nais unha alternativa fóra do horario escolar.

A través destas axudas as ANPAS poderán sufragar ata un máximo do 80% dos gastos que lle supoñan as saídas culturais ou as actividades extraescolares que realizan ao longo do curso escolar. Consideraranse saídas culturais aquelas que inclúan no seu desenvolvemento a visita a lugares ou a asistencia a eventos de carácter histórico ou artístico. As actividades extraescolares serán aquelas que se desenvolvan con carácter estable ao longo dun período similar ao do curso escolar. Estas actividades deberán estar dirixidas ao alumnado do centro de ensino que solicita a axuda.

A estas axudas poderán optar as ANPAS existentes nos centros educativos de titularidade pública do Concello de Ames, legalmente constituídas e que figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións. O importe individual das achegas concedidas ao abeiro desta convocatoria non poderá superar os 4.000 euros.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ayudas por 37.000 € para las asociaciones de padres del Ayuntamiento de Ames"