[16-10-2014] A Xunta de Goberno local de Ames vén de aprobar a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas a alumnos de segundo ciclo de educación infantil para o curso 2014-2015. A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 18.500 euros. As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do Concello entre o 1 e o 30 de novembro de 2014. Desta liña de axudas beneficiáronse o ano pasado un total de 127 destinatarios. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar as bases desta convocatoria de axudas.
Estas bolsas permitirán financiar os gastos efectuados desde o 1 de xullo ao 30 de novembro de 2014 en libros de texto, materiais curriculares e demais material didáctico e complementario. Poderán optar a estas subvencións os pais e nais -ou titores legais- dos nenos e nenas matriculados no curso escolar 2014/2015 nun centro de ensino sostido con fondos públicos, no nivel de Educación Infantil (2ª Etapa, de 3 a 5 anos).
Os requisitos que deberán cumprir os solicitantes son estar empadroados e residir de modo efectivo no Concello de Ames no momento da solicitude; as/os alumnas/os para os que se solicita as axudas deben estar matriculados no curso escolar 2014/2015 en centros de ensino sostidos con fondos públicos no nivel de Educación Infantil (2ª Etapa, de 3 a 5 anos); e que a renda per cápita da unidade familiar, computando os ingresos percibidos por todos os seus integrantes no exercicio 2013, non fora superior ao 100 % do IPREM anual con pagas extras fixado para o exercicio 2013 na cantidade de 7.455,14 euros.
As axudas teñen límites económicos por alumno que se establecen nas bases da convocatoria. Deste xeito, as unidades familiares cunha renda per cápita de menos do 50% do IPREM recibirán un importe máximo de axuda de 120 euros; as que conten cunha renda per cápita do 50% ata o 75% do IPREM, recibirán 100 euros, e para as unidades familiares con renda per cápita do 75% ao 100% do IPREM a axuda será de 80 euros.
Esta convocatoria de axudas volve a ter como destinatarios aos alumnos e alumnas de educación infantil (2º ciclo), por ser este colectivo o único non incluído na orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do Concello entre os días 1 e 30 de novembro de 2014. O prazo de xustificación da subvención finalizará o 30 de novembro de 2014.





