[05-12-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, reuniuse este pasado xoves, 3 de decembro, coa presidenta da Mancomunidade Serra do Barbanza, María Teresa Villaverde, e coa secretaria e interventora desta entidade. Nesta xuntanza puxéronse encima da mesa as diferencias entre ambas partes e aclaráronse as diferentes circunstancias que lle preocupaban ao entre local. O contrato entre Ames e a Mancomunidade, que expira o vindeiro 31 de decembro, será prorrogado de xeito temporal ata que por parte da Mancomunidade non se envíen os datos económicos necesarios sobre a incorporación de Ames como socio de pleno dereito.
José Miñones solicitoulle á presidenta o envío dunha nota aclaratoria do escrito anterior, que lle permita ao Concello amesán amosar a súa intención de entrar como socio de pleno dereito unha vez remitida a documentación solicitada. O rexedor municipal explica que “o goberno de Ames vai actuar con sentido común, polo que primeiro ten que dispor de toda a información que precisa e despois tomarase unha decisión. Así foi entendido tamén pola presidenta da Mancomunidade, que coincide coa necesidade de emitir unha aclaración que vaia no mesmo sentido co que se lle pide dende o goberno amesán”.
O proceso de envío da información económica solicitada farase ao longo do vindeiro ano 2016, polo que estará garantido o servizo de recollida e tratamento dos residuos de Ames nas mesmas condicións que ata o de agora. Esta aclaración para Ames era prioritaria e así llo transmitiu o alcalde de Ames, que levaba debaixo do brazo a solicitude dunha prórroga de seis meses que á vista do falado xa non será necesario plantexar.
Deste xeito, Miñones incidiu en que se necesita un tempo considerable para estudar a información que lle proporcionará a Mancomunidade e tomar unha decisión unha vez se coñezan todos os datos económicos da prestación deste servizo. O rexedor municipal explica que “o prazo dun mes é claramente insuficiente e así foi entendido pola presidenta da Mancomunidade Serra do Barbanza. Neste sentido amosaron un boa predisposición para que nos tomemos o tempo necesario para estudar a documentación económica que nos van enviar”.
O alcalde de Ames agradécelle á presidenta da Mancomunidade “a súa boa predisposición na xuntanza mantida e pola transmisión que se fará da información solicitada. Para o goberno de Ames a reunión mantida e o diálogo aberto entre ambas entidades é moi positivo. Nesta reunión produciuse un gran avance nas negociacións e como resultado diso o Concello de Ames desexa e ten a intención de continuar na Mancomunidade Serra do Barbanza apostando pola reciclaxe dos residuos”.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames zanja la polémica y mantiene el modelo del compostaje para la basura"
El Correo Gallego: "Miñones estima en un 12% el alza de la cuota de la basura en Serra"




