[05-05-2011] O Concello de Ames subscribiu un convenio de colaboración coa Asemblea de Cooperación pola Paz para que esta asociación xunto co persoal do Servizo de Atención ao Migrante do concello leven a cabo o proxecto "Escolas Sen Racismo, Escolas para a Paz e o Desenvolvemento" co que se pretende achegar aos alumnos e alumnas dos centros escolares amienses valores como o respecto ao diferente e dotalos das técnicas precisas para solucionar os conflitos da vida diaria de forma eficaz e pacífica. Está previsto que este programa se leve a cabo no mes de maio. Os membros da Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP) encargaranse de organizar un curso de educación intercultural no que lle ofrecerán aos mestres/as coñecementos teóricos, ferramentas prácticas para satisfacer as necesidades didácticas e metodolóxicas, e para xestionar con eficacia a diversidade cultural. As actuacións a levar a cabo para concienciar aos rapaces e rapazas incluirán o visionado de películas nas que se reflexa a situación dos países pobres ou de conflitos históricos, a realización de test de tolerancia ou a elaboración de diversas actividades arredor dun manifesto pola paz e a convivencia.
Con fin de afondar nas políticas educativas de fomento do respecto e a convivencia, o Concello de Ames subscribiu un convenio coa Asemblea de Cooperación pola Paz para a realización dun programa destinado a educar en valores de respecto ao diferente e apostar pola loita contra o racismo e pola paz. O obxectivo principal é favorecer a integración escolar e social do colectivo inmigrante mellorando o seu proceso de acollida e facendo máis eficaz a súa integración na vida social do concello.
Está previsto que este proxecto educativo teña lugar durante o mes de maio. Previamente á súa posta en marcha cos alumnos e alumnas, os mestres e mestras dos centros de ensino amienses, que se acollan ao programa, recibirán un curso no que se lles ensinarán coñecementos teóricos e ferramentas prácticas para que sexan capaces de xestionar con éxito a pluralidade nacional, social e cultural das súas aulas.
Despois, xunto cos mestres e os membros da Asemblea de Cooperación Pola Paz, os alumnos/as traballarán nun manifesto contra o racismo "Escolas Sen Racismo, Escolas para a Paz e o Desenvolvemento" elaborado por esta asociación. Este manifesto será elaborado polos docentes e os alumnos/as facendo unha investigación do que supón a confección dun manifesto no marco da sociedade, explicando o seu contido a través de murais e facilitando así a divulgación dos seus contidos, etc. A metodoloxía empregada para traballar con este manifesto dependerá das idades dos rapaces e rapazas.
Doutra banda, está previsto tamén un vídeo-fórum "O sur no cine, o cine e o racismo" co que se pretende sensibilizar aos mozos e mozas sobre a problemática Norte-Sur, a situación das relacións internacionais, os procesos migratorios xerados polas desigualdades económicas, propiciando neste eido unha análise das causas que orixinan estes conflitos aportando, ademais, unha serie de posibles solucións pacíficas a estes problemas.
Para elo realizarase o visionado de diversas películas "O señor das Moscas", "American History X", "Hotel Rwanda", etc. Despois realizaranse diversos obradoiros relacionados con cadansúa película, propiciando así o debate entre os mozos e mozas e a profundización no coñecemento dos feitos que poden xerar diversos conflitos. A metodoloxía de traballo favorece a sensibilización dos participantes respecto de valores como a tolerancia, o respecto á diferenza, a paz e a corresponsabilidade social.
Promóvese deste xeito a aprendizaxe mediante a experiencia e o acto de pórse no lugar do outro. Os participantes non só obterán información acerca dos países do Sur, as relacións internacionais, os conflitos, as relacións sociais e interpersoais, etc, senón que se xerarán procesos de reflexión e de cambio de actitudes. Este proceso leva unha maior implicación e participación en accións orientadas ao desenvolvemento dos países do Sur e un replantexamento das nosas relacións cos demais.
Tests de tolerancia
Neste programa tamén se levarán a cabo tests de tolerancia (TDT) para medir a tolerancia dos mozos e mozas con respecto aos diferentes e calibrar así o seu nivel de preparación á hora de afrontar a convivencia cos diferentes e a resolución de problemas de forma cívica, pacífica e eficaz. Trátase dun software interactivo que expón distintas situacións da vida cotiá ante as que o alumnado terá que tomar partido entre as diversas alternativas que se lle ofrecen. Así, preténdese promover a interpretación do concepto de tolerancia entre os mozos e mozas, contrarrestar os tópicos e estereotipos respecto doutros países, culturas e situacións políticas e sociais; propiciar a reflexión ao redor das temáticas relacionadas coa discriminación, promoves actitudes de respecto e convivencia.
O test de tolerancia contén 20 argumentos que presentan situacións conflitivas relacionadas co grao de tolerancia. Antes de empezar o test, pídese que o participante exprese a súa opinión sobre o seu grao de tolerancia. A continuación o/a alumno/a ten que contestar cunha das tres opcións que se lle ofrecen, valoradas estas numericamente. Os resultados mídense nunha escala do 0 ao 150. A Asemblea de Cooperación pola Paz encargarase de aportar todo o material didáctico necesario para a realización do programa.