Pestanas principais

O Concello de Ames aposta pola mobilidade sostible na VII Semana Europea da Mobilidade

Mércores, 10 de setembro de 2025

O Concello de Ames vai celebrar por sétimo ano consecutivo a Semana Europea da Mobilidade, que neste 2025 se desenvolverá no municipio do 19 ao 21 de setembro, cunha serie de actividades a prol da mobilidade activa e sostible. Deste xeito, o programa inclúe unha marcha ciclista nocturna, un circuíto de educación viaria, xogos en bici e maila primeira edición da Ames Gravel Social Ride que organiza o Club ciclista Ames. O prazo de inscrición para participar xa está aberto, só é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. Na organización desta actividades colaboran a Policía Local, a Agrupación de Protección Civil, e a área de Educación viaria da Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña.

A Semana Europea da Mobilidade é unha campaña dirixida a sensibilizar, tanto aos responsables políticos como á cidadanía, sobre as consecuencias negativas que ten para a saúde pública e o medio ambiente o uso excesivo do coche na cidade. Así mesmo, busca promover o uso de modos de transporte máis sostibles, en particular, o transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé. “Mobilidade para todas e todos” é o lema da VII Semana Europea da Mobilidade do Concello de Ames. 

Neste senso, o salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, acolleu a presentación da programación da VII Semana Europea da Mobilidade de Ames. Ao acto asistiron o concelleiro de Mobilidade, Víctor Fernández; o presidente do Club Ciclista Ames, Alonso Caxade; e o oficial da Policía Local de Ames, Maximino García.

Abriu o acto Víctor Fernández, concelleiro de Mobilidade, quen destacou que “coa celebración desta Semana Europa da Mobilidade búscase sensibilizar sobre os beneficios, tanto para a saúde como para o medio ambiente, do uso de modos de transporte sostibles, especialmente o transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé”. 

Pola súa banda o presidente do Club Ciclista Ames, Alonso Caxade, entidade que organiza a Ames Gravel Social Ride, destacou que “a nosa intención é facer eventos que divulguen e difundan os beneficios do movemento en bicicleta. Ademais, nun mundo dominado polos coches, son moi positivas as iniciativas que está a levar o Concello de Ames en favor da sinalización e marcación de novos viarios e sendeiros en moitas parroquias rurais que comunican cos núcleos máis urbanos do concello, facilitando así o uso en bicicleta ou a pé deses camiños”. 

O tema elixido nesta edición é “Mobilidade para todas as persoas”. Mediante esta temática, a Comisión Europea pretende poñer o foco na importancia de que toda a cidadanía poida contar cun transporte dispoñible, accesible, alcanzable, seguro e sostible, con independencia dos ingresos, a localización, o xénero ou as capacidades. 

Por outra banda, como vén sendo habitual, a Curuxa Maruxa, a mascota da Concellaría de Mobilidade, acompañará a todos os/as participantes nas actividades do programa que, ademais, recibirán de agasallo unha mochila, camiseta, un xogo de lapis e o xogo “Cal é?”, un xogo de cartas para xogar en parellas, que consiste en facerse preguntas entre ambos para descubrir cal é a sinal de tráfico da que está a falar a outra persoa. Deste xeito, búscase dinamizar e dar a coñecer, sobre todo entre os máis pequenos, as sinais de tráfico xa existentes e as incorporadas recentemente por parte da Dirección Xeral de Tráfico. 

Marcha ciclista nocturna 
As actividades comezarán o venres 19 de setembro, cunha marcha ciclista nocturna que partirá ás 22:00 horas dende a praza do Concello, en Bertamiráns. Ao igual que en edicións anteriores, farase un percorrido sinxelo e ben iluminado, duns oito quilómetros, pensado para que toda a familia poida participar. Para inscribirse, hai que enviar un correo ao enderezo electrónico mobilidade@concellodeames.gal, ademais, é preciso levar chaleco reflector e casco durante a marcha. Para esta actividade contarase coa colaboración da Policía Local e da Agrupación de Protección Civil.

O programa continuará o sábado 20, cunha serie de xogos e actividades orientadas á rapazada que teña a partir de 4 anos. De 10.00 a 13.00 horas, o aparcadoiro de Agriños, fronte a EEI do Milladoiro, acollerá un circuíto de educación viaria e un amplo abano de xogos populares en bicicleta. Nesta xornada, a rapazada poderá gozar dos circuítos en bicicleta coa súa práctica deportiva ao tempo que reciben recomendacións con respecto ao uso correcto deste medio de transporte. O obxectivo é introducir aos máis pequenos en diferentes escenarios cos que poden atoparse no seu día a día, desde o uso de semáforos, cruces ou pasos de peóns, para saber actuar ante todo tipo de situacións na vía pública. Para estas actividades contarase coa colaboración do persoal da área de Educación viaria da Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña.

Para inscribirse na marcha ciclista nocturna e nas actividades do circuíto de educación viaria e nos xogos en bicicleta é necesario enviar un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal.

Ames Gravel Social Race
As actividades da SEM rematarán o domingo 21 coa primeira edición da Ames Gravel Social Ride que organiza o Club Ciclista Ames coa colaboración da concellaría de Deportes. A saída será ás 9.30 dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Trátase dun marcha non competitiva e que terá un percorrido aproximado duns 43 quilómetros, cun desnivel de 700 metros. 

A proba estará divida en dous tramos, unha primeira parte duns 22 quilómetros que percorrerá o norte do concello, correspondendo á zona máis elevada de Ames. Tras o primeiro tramo, haberá unha zona de avituallamento no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, que dará paso á segunda metade da marcha, na que o percorrido será por unha zona máis chá. 

Con estas dúas partes ben diferenciadas, búscase incluír a todo perfil de ciclistas, desde os máis principiantes ata os máis avanzados pois cada quen pode decidir se realizar a carreira completa ou ben realizar só un dos dous tramos. 

Neste senso, coa realización dunha marcha gravel, búscase dar a coñecer esta especialidade do ciclismo que, na actualidade, está en auxe. Na modalidade do gravel elimínanse os perigos do ciclismo de estrada, pois os tramos de asfalto transcorren principalmente por vías secundarias pouco transitadas, e tamén se suprimen os aspectos e especialización máis técnica do ciclismo de montaña, que inclúe camiños con máis complicados. Así, nas rutas de gravel abondan as pistas por terra e os tramos por núcleos rurais.

Para dispor de máis información sobre este evento hai que acceder á web do Club ciclista Ames ou á conta de Instagram @clubciclistaames. As inscricións poden tramitarse a través deste formulario.

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "Ames prepárase para a VII Semana Europea da Mobilidade"

AMSGO!: "Ames celebra a VII Semana Europea da Mobilidade"

O Concello de Ames aposta pola mobilidade sostible na VII Semana Europea da Mobilidade

Multimedia

  • O Concello de Ames aposta pola mobilidade sostible na VII Semana Europea da Mobilidade
  • O Concello de Ames aposta pola mobilidade sostible na VII Semana Europea da Mobilidade
  • O Concello de Ames aposta pola mobilidade sostible na VII Semana Europea da Mobilidade
  • O Concello de Ames aposta pola mobilidade sostible na VII Semana Europea da Mobilidade
  • O Concello de Ames aposta pola mobilidade sostible na VII Semana Europea da Mobilidade
  • O Concello de Ames aposta pola mobilidade sostible na VII Semana Europea da Mobilidade
  • O Concello de Ames aposta pola mobilidade sostible na VII Semana Europea da Mobilidade