Pestanas principais

O Concello de Ames aposta pola enerxía eléctrica de orixe renovable asinando un contrato coa cooperativa galega “Nosa Enerxía”

Venres, 13 de maio de 2016

[13-05-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, acaba de asinar con Pablo Álvarez Fernández, representante da cooperativa galega “Nosa Enerxía”, un contrato para subministrar enerxía eléctrica ás instalacións municipais da Aula da Natureza. Na sinatura deste acordo tamén estiveron a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e maila concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero. As cooperativas de consumo eléctrico supoñen un aforro na factura, que adoita reverter nunha aposta polas enerxías renovables. Ames é o segundo concello de Galicia que chega a un acordo con esta entidade. Previamente xa o fixo Rianxo.

No ano 2014 xurdiu a entidade “Nosa Enerxía”, a primeira cooperativa galega que comercializa enerxía eléctrica de orixe renovable certificada a través de GoiEner. Trátase dunha cooperativa de consumidores que ten o obxectivo de primar o uso de enerxías renovables, así como a promoción de proxectos de xeración de enerxía renovable de maneira distribuída.

O goberno municipal comeza así unha aposta por un modelo enerxético diferente, baseado nas enerxías renovables, que considere a subministración eléctrica un ben público e por iso reclama, tal e como se aprobou no Pleno, protección contra a pobreza enerxética e aposta por unha tarifa eléctrica galega, que teña en consideración o feito de que Galicia é produtora e exportadora de enerxía, co fin de rebaixar o prezo.

Deste xeito, vén de asinar un contrato polo período dun ano, prorrogable por termos anuais, con esta entidade para subministrar enerxía eléctrica ás instalacións municipais da Aula da Natureza. Ames é o segundo concello de Galicia que chega a un acordo con esta entidade. Previamente xa o fixo Rianxo. Tamén están interesados en asinar un contrato deste tipo con esta entidade os Concellos de San Sadurniño e Moeche. Ademais, o goberno municipal está aberto a colaborar con esta cooperativa noutros proxectos que leve a cabo no uso e fomento das enerxías renovables.

Esta entidade preséntase ás poxas de enerxía e puxa por enerxía renovable. A marxe económica que obtén na comercialización deste produto dedícao a proxectos de enerxías renovables. En Europa e noutras partes do mundo estas cooperativas fanlles a competencia ás compañías convencionais na produción de enerxías limpas e na comercialización, de xeito que os/as consumidores/as poden contratar tarifas similares e incluso máis baratas que as das compañías convencionais, formar parte das cooperativas e apostar por outro modelo enerxético.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames aposta pola enerxía eléctrica renovable asinando un contrato con Nosa Enerxía"