[29-11-2016] O Concello de Ames organizou un "Roteiro Maker" para este venres 2 de decembro no Milladoiro. Trátase dunha mostra de proxectos de innovación que se desenvolverá na Casa da Cultura de 10:00 a 21:00 horas. A xornada da mañá, de 10:00 a 14:00 horas, está orientada ás empresas, mentres que pola tarde está dirixido aos nenos/as e ao público en xeral. Para participar nos obradoiros, que se impartirán pola tarde, hai que inscribirse ata as 14:00 horas deste xoves 1 de decembro. Dentro deste evento tamén se encadra o acto de acendido das luces de Nadal que se realizará ás 20:00 horas. Esta iniciativa conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Tender pontes entre as institucións locais, as educativas, os principais axentes do empresariado de Ames e proxectos do ecosistema maker á vez que se impulsa unha educación que potencie a creatividade e a innovación é o principal obxectivo da Mostra de proxectos de innovación, que se celebrará este venres, 2 de decembro, na Casa da Cultura do Milladoiro. A xornada transcorrerá entre as 10:00 e as 21:00, con contidos específicos para as empresas durante a mañá: charlas sobre innovación a cargo das empresas TEAXUL e NANOGAP, así como networking e expositores.
A tarde será o turno da rapazada e do público xeral, que ademais de visitar e interaccionar cos principais makers do panorama galego (impresión 3D, robótica, artesanía, electrónica, drons etc.), poderán participar e experimentar en sendos obradoiros de química e de electrónica, impartidos por VermisLab. Aprender facendo é a filosofía subxacente do movemento maker. Os talleres son de balde e está aberto o prazo para anotarse neles (as prazas son limitadas) ata as 14:00 horas deste xoves 1 de decembro. Para iso hai que enviar un correo electrónico ao enderezo: lab@vermislab.com.
De seguido, ás 20:00 horas, desenvolverase o acto de acendido do alumeado de Nadal, unha decoración que o Concello manterá ata o día 8 de xaneiro. Por último, ás 21:00 horas clausurarase o "Roteiro Maker".




