[26-10-2015] Dende o pasado 17 de outubro os campamentos que acollen á poboación refuxiada saharauí na hammada de Tinduf, en Alxeria, veñen soportando choivas torrenciais acompañadas por intensas rachas de vento. Isto causou grandes inundacións en todos os campamentos, aínda que foron as wilayas de Auserd e Dajla as máis afectadas ata o momento. O Concello de Ames mantén dende hai varios anos unha firme colaboración coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para que, a través do programa Vacacións en Paz, familias de Ames acollan durante os meses de verán a nenos e nenas saharauís que viven nunha situación complexa nestes campamentos de refuxiados. A Asociación e o Concello animan a toda a veciñanza a colaborar para paliar unha situación que provocou cuantiosos danos nas infraestruturas e edificios públicos pero, sobre todo, nas vivendas familiares.
Moitas das tendas de campaña e casas de adobe viñéronse abaixo por mor das choivas e o vento. Numerosas familias perderon as súas casas e todas as súas pertenzas, incluíndo as pequenas reservas de alimentos coas que contaban. Dajla, a wilaya que se atopa máis afastada do resto, resultou ser a máis afectada. Nunha visita ao campamento realizada por axencias de Nacións Unidas, organismos internacionais e as autoridades saharauís, constatouse a destrución total ou parcial de todas as vivendas de adobe e a perda de enseres domésticos e dos alimentos que as familias tiñan gardados. Aínda que non se reportaron vítimas mortais, unha persoa resultou ferida pola caída dun tellado. Moitas familias perderon as súas casas e atópanse á intemperie ou ben deberon agruparse para ter refuxio. Atopáronse casos de 20 persoas ou máis durmindo nunha soa tenda, xa que moitas das tendas tamén foron danadas e atópanse inservibles.
No que respecta á provisión de servizos, a avaliación constata que se interrompeu o fornezo eléctrico o que impide, entre outras cousas, o funcionamento da rede de auga ou a elaboración de pan, moi demandado pola poboación. O transporte tamén se viu afectado e hai dificultades para a circulación dos camións que abastecen de auga á poboación. Os puntos de distribución de alimentos inundáronse e isto impedirá a distribución nos próximos días. O stock de moitos comercios tamén foi danado, parcial ou totalmente. A atención sanitaria é deficiente xa que o hospital sufriu danos e corre risco de derrube, polo que non está operativo. Doutra banda, a maior parte das latrinas están colapsadas e o seu uso non é seguro.
Actuación prevista
A Media Lúa Vermella Saharauí (MLRS) en colaboración coas Axencias de Nacións Unidas presentes nos Campamentos da Poboación Refuxiada Saharauí, estase encargando de cuantificar as perdas para valorar con exactitude as necesidades máis urxentes. A MLRS lanza un chamamento aos países doantes, ás organizacións internacionais, ás ONGs, ao movemento solidario, á sociedade civil e a todos os amigos e amigas do Pobo Saharauí para colaborar canto antes, realizando doazóns para que se poidan comprar tendas, alimentos e medicamentos, que son as necesidades máis urxentes para paliar a difícil situación causada polas choivas. Pódense realizar achegas que serán transferidas integramente á Media Lúa Vermella Saharauí a través do número de conta: ES51 2080 5409 11 3040113236
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Llamamiento para colaborar con Tinduf por inundaciones"