Pestanas principais

O Concello de Ames anima ás familias do municipio a acoller nenos saharauís a través do programa Vacacións en Paz

Luns, 14 de marzo de 2016

[14-03-2016] A través da iniciativa Vacacións en Paz as familias de Ames, ou de calquera concello galego, poden acoller durante os meses de xullo e agosto a nenos e nenas saharauís que viven unha difícil situación nos campamentos de refuxiados de Tindouf, en Alxeria. O Concello de Ames anima a todas aquelas familias amesás interesadas en acoller a algún destes rapaces durante os meses de verán de 2016 a poñerse en contacto co departamento municipal de Servizos Sociais chamando ao número de teléfono 662 371 079. Este departamento informa ás persoas interesadas, tramita as solicitudes e asegura unha estadía agradable dos nenos/as en Ames.

O Concello de Ames colabora un ano máis co programa Vacacións en paz, que leva a cabo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Este programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes cativos, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa, a súa formación.

Dende a concellaría de Servizos Sociais están desenvolvendo unha campaña de información para que as familias amesás se adhiran ao programa Vacacións en Paz. As persoas interesadas en acoller un neno/a saharauí durante os meses estivais deben poñerse en contacto co Concello de Ames chamando ao número de teléfono 662 371 079 ou coa portavoz na zona da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, chamando ao número de teléfono 609 76 49 45.

O departamento municipal de Servizos Sociais é o encargado de organizar o programa de Vacacións en paz en Ames. Este departamento informa ás persoas interesadas, tramita as solicitudes e asegura unha estadía agradable dos nenos/as no noso municipio. O Concello actúa de mediador entre as familias amesás e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames. A Administración local encárgase de pagar o billete de avión (ida e volta) de cada neno/a.

Este ano o Concello de Ames traerá a catro nenos/as saharauís que pasarán as vacacións con familias do noso concello. Ata o de agora hai dous nenos que teñen familia de acollida (unha familia repite experiencia e outra participa por primeira vez neste programa). Os outros dos nenos/as non teñen familia de acollida, polo que dende o Concello animan ás persoas interesadas a poñerse en contacto co departamento de Servizos Sociais. O único requisito para poder participar neste programa é facerse socio, como mínimo o ano que se participa no programa, da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. O custo que supón ser socio desta asociación é de 20 euros mensuais.

Cea solidaria
Por outra banda, hai que destacar que o pasado día 5 de marzo realizouse a quinta edición da cea solidaria en apoio ao programa Vacacións en Paz. Dende a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí destacan o gran éxito desta iniciativa que contou con 300 participantes. Nesta cea conseguíronse recadar máis de 4.000 euros a través dos cales se financiarán os billetes de 5 nenos/as para que pasen os meses de xullo e agosto en Galicia. En representación do goberno municipal asistiron a este evento o rexedor municipal, José Miñones, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo. Ademais, varios concelleiros/as da corporación municipal participaron nesta iniciativa.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Animan a las familias amienses a acoger a niños del Sáhara este verano"