[17-09-2014] O Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado, abre o prazo para inscribirse no programa Sanauga o venres 19 de setembro. Esta actividade está dirixida ás persoas maiores de sesenta anos e/ou con discapacidade. O programa, que comezará o 6 de outubro, desenvólvese na piscina municipal A Telleira e está cofinanciado pola Deputación da Coruña. Este ano a principal novidade é que hai un grupo máis respecto á edición pasada. Polo tanto, para este curso ofértanse 14 prazas máis, completando un total de 56 prazas.
O programa Sanauga está dirixido a persoas maiores e/ou con algún tipo de discapacidade que precisen desta actividade física para mellorar a súa calidade de vida. Nesta edición, a actividade contará con catro quendas compostas de 14 persoas cada unha. As clases leváranse a cabo durante dous días á semana. O prazo de inscrición estará aberto dende o 19 de setembro e ata completar as 54 prazas que hai dispoñibles. As prazas ofertadas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Para apuntarse hai que poñerse en contacto coa Oficina de Voluntariado de Ames chamando ao número de teléfono 662 377 044. As clases comezarán o día 6 de outubro na piscina municipal A Telleira.
No programa Sanauga, basicamente, realízase ximnasia acuática, que consiste en realizar exercicios na auga que comunmente se fan en terra, aproveitando a modificación e os beneficios que a auga impón á súa realización; é dicir, traspasase á auga os exercicios de brazos, pernas, tronco, articulacións e musculatura, ademais dos exercicios habituais utilizados na natación e demais actividades acuáticas.
O que se pretende con este tipo de actividade é unha aproximación ao medio acuático desde a motricidade cotiá das persoas, o que supón unha bagaxe de movementos habituais cos que a persoa maior está familiarizada, como son andar, mobilidade de segmentos corporais e empuxar ou mover materiais. Para participar no programa non se require de saber nadar.




