Pestanas principais

O Concello de Ames amplía o horario de apertura das bibliotecas municipais e anuncia que proximamente se iniciarán as obras para a ampliación de ambas instalacións

Martes, 23 de abril de 2013

[23-04-2013] O Concello de Ames decidiu ampliar o horario de apertura das bibliotecas municipais, establecendo un horario ininterrompido de 08:30 a 21:00 horas de luns a venres e os sábados de 09:00 a 14:00 horas. Esta ampliación, que se aplicará de xeito experimental nos meses de maio e xuño para avaliar a súa efectividade, permitirá reforzar o servizo que ofrecen as bibliotecas municipais de Bertamiráns e Milladoiro especialmente na época de exames, o que permitirá dispoñer da zona de estudos durante un horario máis amplo.

O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, destaca que esta modificación de horario “faise tamén como proba de cara á futura ampliación da Biblioteca do Milladoiro, que vai contar cun espazo máis amplo de zona de estudo”. Así mesmo, na Casa da Cultura de Bertamiráns vaise acondicionar unha sala para zona de estudo, ampliando así os espazos existentes na biblioteca.

Ata o de agora, os horarios de apertura das dúas bibliotecas municipais eran de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas pola mañá, e pola tarde de 16:30 a 21:00 horas. Os sábados o horario era de 11:00 a 14:00 horas. Esta decisión vén motivada porque o Concello consideraba que o horario actual era moi reducido para preparar calquera proba ou exame. Ademais, dáse cumprimento a unha importante demanda que viñan manifestando os usuarios/as das bibliotecas municipais de Ames.

Deste xeito, tamén se consegue que o persoal das bibliotecas poida traballar a quendas rotatorias, en lugar de facelo a xornada partida, mellorando deste xeito as súas condicións laborais e facilitando a conciliación de vida laboral e familiar.