Pestanas principais

O Concello de Ames amplía a información sobre o equipamento e os medios dos que dispoñen as Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro

Venres, 15 de novembro de 2013

[15-11-2013] O Concello de Ames, a través da Concelleira de Cultura, ofrécelle unha ampla información sobre os centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro a todas as compañías de espectáculos, para que poidan representar as súas funcións nestas dúas localidades. Esta información pode ser consultada polas compañías na web municipal co fin de adecuar o seu espectáculo ás dimensións, características e medios dispoñibles do espazo escénico de cada un dos auditorios que existen tanto na localidade de Bertamiráns como no Milladoiro. O Concello de Ames oferta todos os meses unha ampla programación cultural da que se pode gozar nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais das parroquias amienses e no Pazo da Peregrina.

Nos núcleos de Bertamiráns e O Milladoiro sitúanse as dúas casas da cultura con maior capacidade de todo o municipio produto das necesidades culturais do seu alto número de habitantes. Os auditorios dos centros socioculturais destas localidades acollen numerosas actividades ao longo de todo o ano. O auditorio da casa da Cultura de Bertamiráns conta cun aforo de 216 butacas, mentres que no auditorio da casa da cultura do Milladoiro caben 146 persoas.

Co obxectivo de que todas as compañías que o desexen poidan consultar as dimensións e as características dos auditorios destes dous centros socioculturais, o Concello de Ames habilitou esta información na páxina web municipal. Para iso hai que entrar na sección de Áreas e a continuación premer en Cultura. Unha vez se acceda a este apartado da web municipal tan só hai que premer na ligazón de centros. Deste xeito, poderase descargar información sobre as medidas e as características dos auditorios das casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Ademais, poderase obter o plano de luces destes dous auditorios, así como a planta dos centros socioculturais.

A concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, destacou que “o Concello de Ames ofrece a toda a veciñanza amiense unha ampla programación cultural para todos os públicos. Todas as fins de semana organízanse numerosas actividades nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A estas actividades tamén se suman en moitas ocasións varias exposicións de pintura ou outro tipo de artes, que normalmente se poden visitar no Pazo da Peregrina”.