[23-03-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, visitaron recentemente O Milladoiro para comprobar de primeira man o inicio das obras que se están executando na rúa do Rego. Esta actuación, que ten un custo de 10.555 euros, será sufragada integramente pola Concello de Ames.
O rexedor amesán explicou que esta actuación “permitirá ampliar a beirarrúa nunha das marxes da calzada que quedou sen urbanizar e mellorará a seguridade viaria dos peóns que transitan por ela”. En concreto, os traballos estanse executando en dous treitos dende a Escola Infantil As Figueiras ata a Avenida de Rosalía de Castro.
Primeiro realizaranse os labores de explanación e rasanteo do terreo no que se construirá a devandita beirarrúa. A continuación, haberá que instalar a correspondente canalización para a iluminación publica e por último, construirase a beirarrúa con baldosa de formigón vibrado. Finalmente, contémplase a colocación de 70 metros de varanda metálica de protección para os viandantes.
Novo aparcadoiro en Bertamiráns
Por outro lado, o Concello de Ames está acondicionando unha nova zona de aparcamento en Bertamiráns, próxima á rúa Alcalde Lorenzo, na parte posterior das dependencias municipais de Urbanismo e da Policía Local. As máquinas comezaron a traballar a pasada semana nunha parcela de 2.600 metros cadrados.
O concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, explicou que para estas obras “é necesario achanzar o terreo, tapar as fochancas existentes, estender unha capa de zahorra natural e, por último, proceder á súa compactación”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Acondicionan una zona para aparcar en Bertamiráns"




