Pestanas principais

O Concello de Ames amosa a súa aposta polo autoconsumo cun foro sobre comunidades enerxéticas

Mércores, 22 de novembro de 2023

Despois de conseguir os fondos europeos para a apertura dunha oficina de asesoramento para a creación de comunidades enerxéticas locais, o Concello de Ames organizou esta mañá un foro para amosar os beneficios e as posibilidades que ofrece o autoabastecemento. No evento participaron representantes do Goberno de España, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e FEGAMP, con Arousa en Transición e Moaña Solar, dúas potentes comunidades enerxéticas galegas.

Nun momento onde a transición ecolóxica é unha prioridade na axenda política, a Casa da Cultura do Milladoiro acolleu hoxe ás 10.30 horas un foro sobre comunidades enerxéticas locais para falar non só das súas características, senón tamén da oficina de asesoramento que vai abrir o Concello de Ames para informar á cidadanía sobre os seus beneficios.

Durante o acto de apertura, na que participaron o alcalde de Ames, Blas García, e o Director de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila, o rexedor defendeu que “cando xorde algo novo, a primeira que debe apostar por iso é a Administración”. Nesta mesma liña explicou que, sumándose a esta iniciativa, o seu obxectivo é que “Ames sexa unha referencia deste proxecto na provincia da Coruña”.

Mesa de diálogo de perfil técnico
A primeira mesa do foro tivo un carácter técnico, e estivo formada por Gabriele von Hunderlshausen (integrante da xunta directiva de Arousa en Transición), Víctor Pastoriza Lino (secretario e cofundador de Moaña Solar), Raquel Piñeiro López (técnica da oficina Next Generation da Deputación da Coruña) e Juan Ignacio Rodríguez Fernández-Arroyo (director do departamento de Enerxía do INEGA). Nela falouse de experiencias reais como a de Moaña Solar, unha asociación de usuarios de enerxía solar que aspira a converterse nunha comunidade enerxética local, ou a de Arousa en Transición, un colectivo medioambiental que traballa para impulsar a transición ecolóxica na illa de Arousa.

Unha segunda mesa política
A segunda mesa tivo un marcado carácter político. Nela participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e os alcaldes da Illa de Arousa e Begonte, Luís Arosa García e José Ulla Rocha. O eixo central foi a oportunidade de crecemento que supón a implantación de comunidades enerxéticas, especialmente en concellos pequenos e do rural.

Durante a conversa Formoso afirmou que iniciativas como  a oficina que se vai abrir en Ames van servir para “fomentar a recuperación demográfica nos concellos do rural da provincia” e evitar a fuga de talentos cara outros territorios. Na mesma liña se manifestaron os alcaldes de Begonte e da Illa de Arousa, quen tamén aproveitaron para falar do apoio insuficiente por parte da Xunta de Galicia e do Goberno central: “Os numerosos requirimentos e a burocracia relentizan a implantación dos proxectos e a recepción das subvencións”, sostivo Luís Arosa García, rexedor da Illa. Fronte a estas demandas, Formoso defendeu a necesidade de facilitarlles o traballo aos concellos para poñer en marcha este tipo de iniciativas, posto que “deles depende o liderado de Galicia no eido das enerxías renovables”.

Clausura do foro
Na clausura do foro estiveron presentes o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, e a vicepresidenta executiva da FEGAMP, María Barral Varela.

Durante a súa intervención o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou a necesidade de colaboración entre os distintos axentes e as administracións, que teñen a obriga de previr e de protexer á cidadanía fronte ao cambio climático. Sobre esta cuestión afirmou que as comunidades enerxéticas son “unha ferramenta máis” na loita contra el, “pois permiten aproveitar o recurso no mesmo lugar que se consume e facer o uso máis eficiente posible do mesmo”.

A vicepresidenta executiva da FEGAMP, María Barral Varela, destacou que “a FEGAMP como prospectores e xestores de recursos cara as entidades locais, non fomos alleos ao crecente interese dos concellos polas comunidades enerxéticas. Así que a FEGAMP se involucrou en dous proxectos europeos, que están aprobados e en execución como son  proxecto europeo EC4RURAL, que ten como obxectivo fortalecer e transformar as relacións entre autoridades locais e rexionais e as comunidades rurais, para impulsar as comunidades enerxéticas nos municipios rurais. Por outra banda, acaba de ser aprobado o proxecto CEL_RURAL, liderado polo Instituto Tecnolóxico de Galicia, no que tamén participa a FEGAMP. Trátase neste caso dun proxecto Poctep Interreg, que conta cun orzamento de 1.150.000 euros, dos cales uns 600.000 serán mobilizados en Galicia”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Concellos gallegos apuestan por crear comunidades energéticas para ahorrar"

El Correo Gallego: "Ames impulsa las comunidades energéticas para las que solicitan más fondos y menos burocracia"

Lindeiros: "A Deputación colabora con Ames para a posta en marcha comunidades enerxéticas"

Ames Go: "O Concello de Ames organiza un foro sobre comunidades enerxéticas coa vista posta no autoconsumo"

Imaxe do foro sobre comunidades enerxéticas

Multimedia

  • Imaxe do foro sobre comunidades enerxéticas
  • Imaxe do foro sobre comunidades enerxéticas
  • Imaxe do foro sobre comunidades enerxéticas
  • Imaxe do foro sobre comunidades enerxéticas
  • Imaxe do foro sobre comunidades enerxéticas
  • Imaxe do foro sobre comunidades enerxéticas
  • Imaxe do foro sobre comunidades enerxéticas
  • Imaxe do foro sobre comunidades enerxéticas
  • Imaxe do foro sobre comunidades enerxéticas
  • Imaxe do foro sobre comunidades enerxéticas