- Tematica
A concelleira de Educación, Beatriz Martínez, participou onte na facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, nun relatorio sobre o modelo da Rede municipal de comedores escolares, Bos días Cole e Tardes divertidas. Este encontro foi solicitado pola profesora María Teresa Carballeira Rivera, e tivo como oíntes aos alumnos e alumnas de dita facultade. O alcalde, Blas García, xa tivera ocasión de expoñer este servizo municipal no mes de novembro en Valencia, no I Encontro de Comedores Escolares.
O Concello de Ames amosou onte, na facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, o seu modelo da Rede municipal de comedores escolares, Bos días Cole e Tardes divertidas, baixo a presenza do alumnado de dita facultade compostelá. A organización desta exposición correu a cargo da profesora María Teresa Carballeira Riveira para o alumnado do terceiro curso de Dereito na materia de Dereito Administrativo.
Durante este relatorio, a concelleira de Educación, Beatriz Martínez, mostrou as características do modelo, así como foi dando pílulas clave sobre o funcionamento deste, a súa evolución no tempo e os datos de maior relevancia sobre o servizo. Tamén salientou o modelo de xestión dos comedores escolares e os retos que este servizo municipal ten para o futuro, como a expansión das instalacións ou a creación da concellaría de Conciliación para responder aos novos obxectivos que se vaian formulando neste eido.
Por outra banda a concelleira tamén explicou a dificultade que supón manter un servizo para este e os poucos recursos cos que se dotan as administracións locais para facer fronte ao custo do mesmo: “Ames é un referente porque adicamos o 20% do orzamento a Educación e porque ademais somos a proba de que este tipo de políticas fixan poboación e contribúen a que as persoas poidan desenvolver un proxecto de vida”. Martínez resaltou o feito de que Ames nos últimos 25 duplicou poboación e actualmente é o único concello galego con saldo vexetativo positivo: “Ames é un concello de servizos e este é o resultado de investir en futuro”.
No ámbito da nutrición abordáronse diversas cuestións para garantir menús equilibrados, baseados en criterios científicos e adaptados ás distintas etapas de desenvolvemento, que son claves para previr a obesidade infantil. Por outra banda, no eido da sostibilidade o comedor escolar non só alimenta, tamén educa en valores e xera un impacto no entorno. É necesario apostar por produtos de proximidade, de tempada e con baixo impacto ambiental. Por último, no ámbito da educación o comedor escolar é, ademais do espazo de alimentación, unha aula viva na que se transmiten hábitos saudables, habilidades sociais e valores de convivencia.
Rede municipal de comedores escolares
O servizo de comedores escolares púxose en marcha no curso 2005-2006 con dous comedores, unha cociña, un vehículo para transportar a comida e 300 usuarios/as. Na actualidade, vinte anos despois, cóntase con sete comedores (proximamente serán oito cando se abra o novo CEIP do Milladoiro), dúas cociñas (a Cociña central e maila cociña da EEI do Milladoiro para menús específicos de tratamento nutricional), tres vehículos para transportar a comida e preto de 1.400 usuarios/as.
Tamén se puxo o foco no control total dos procesos que se realiza nos comedores escolares de Ames cun modelo de xestión directa (autoxestión): xestión administrativa, atención dos nenos e nenas e elaboración da comida. Este servizo municipal ten un dobre obxectivo, a conciliación familiar e educar en hábitos saudables. Segundo se establece no artigo 3 do regulamento aprobado en Pleno en 2006: como proxecto educativo o seu obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimenticios saudables e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas e hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade.
Atención dos nenos/as usuarios/as
O Concello de Ames, a través da Rede municipal de comedores escolares, atende a preto de 1.400 nenos e nenas. Trátase dunha grande cantidade de alumnado se o comparamos cos 1.000 usuarios/as que se atenden nos comedores escolares de Santiago de Compostela, que conta co triplo de poboación que ten Ames. Ademais, os comedores amesáns teñen unha ratio de monitoraxe de 1/15, un monitor/as por 15 usuarios/as, a metade da ratio que aplica a Xunta de Galicia 1/30. A Rede municipal de comedores de Ames conta con 49 usuarios/as con baixa autonomía e con 33 monitores/as para atender a ditos usuarios/as.
Por outra banda, cómpre destacar o proceso de elaboración da comida que se serve nos comedores escolares de Ames. En dito proceso destaca o control e autoxestión total: produción, distribución e limpeza; a utilización de produto fresco, de tempada, de proximidade e comprado a produtores locais; e a posibilidade de adaptación dos menús ante condicións médicas, relixiosas ou persoais.
Retos de futuro
Por último, Beatriz Martínez deu uns apuntes sobre cara onde se dirixe a Rede municipal de comedores escolares de Ames, que son a execución da segunda fase da Cociña central, para ampliar as instalacións actuais co obxectivo de habilitar unha segunda cociña independente, onde se poidan elaborar os menús específicos de tratamento nutricional, para así dispoñer no mesmo lugar dunha cociña para a elaboración do menú basal e outra para o menú de intolerancias.
Tamén apuntou a que o obxectivo é ampliar a utilidade da Cociña Central a máis áreas e programas como a Escola de Verán e aos usuarios/as do programa Xantar na casa; crear a concellería de Conciliación para responder aos novos retos que se expoñen neste ámbito; e responder ás necesidades de conciliación das persoas maiores debido ao envellecemento actual da poboación e o reto demográfico.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames plantea crear una concejalía de conciliación"













