Pestanas principais

O Concello de Ames alerta sobre unha posible estafa na colocación de aforradores de enerxía

Sábado, 15 de setembro de 2012

[15-09-2012] O Concello de Ames ten constancia de que nos últimos días varios veciños e veciñas de diversas parroquias amienses recibiron a chamada dunha empresa nos seus domicilios para ofertarlles a colocación dun aforrador de enerxía doméstico. Dende esta suposta empresa estase manifestando que teñen un convenio co Concello de Ames para instalar estes aparatos cando isto non é certo. Debido á forma de actuar desta empresa pensase que se pode tratar dunha presunta estafa, aínda que non se ten constancia disto. A Policía Local está informada deste asunto e está falando coas persoas que recibiron estas chamadas.

Dende o Concello de Ames faise un chamamento a veciñanza amiense para que estean alerta ante estas posibles estafas e aclárase que non existe ningún convenio con ningunha empresa para a instalación destes aparatos. Ademais, esta empresa en ningún momento achega a súa denominación social o que é un indicativo máis de que se pode tratar dunha suposta estafa. A alerta deuna un veciño que chamou ao Concello para informarse do suposto convenio que tiña o Concello coa empresa que oferta estes produtos.

Este caso xa está en mans da Policía Local que está falando cos veciños e veciñas que recibiron as devanditas chamadas. Aínda así, dende o Concello de Ames pídeselle á veciñanza que se reciben algunha chamada por parte desta empresa o poñan en coñecemento da Policía Local a través do teléfono 619 76 75 75.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Alertan de una posible estafa en la colocación de ahorradores de energía en Ames"
El Correo Gallego: "Ames investiga posibles timos para el ahorro energético"