[05-02-2013] O Concello de Ames está acometendo nas últimas xornadas a reubicación de diferentes departamentos nas dependencias da Casa consistorial e noutras instalacións municipais mantendo todos os servizos. O obxectivo deste traslado, que inclúe aos servizos de Tesourería, Intervención e nas próximas semanas ao de Educación, é aproveitar as dependencias municipais e deixar locais externos, que supoñían un importante gasto anual en alugueiros e outros conceptos. Con esta iniciativa, o Concello aforrará máis de 41.200 euros ao ano en aluguer, luz, limpeza e seguridade destes locais. Ademais, esta medida permitirá aproveitar sinerxias entre departamentos.
O persoal dos departamentos de Intervención e Tesouraría, que ata o de agora estaban situados en dous locais contiguos da rúa Ameneiral en Bertamiráns, xa están ubicados no segundo andar da Casa do Concello. Nas vindeiras semanas, o departamento de Educación, situado actualmente nun local da Praza do Concello, trasladarase ás oficinas municipais situadas no entorno do Pazo da Peregrina.
Como froito da reubicación destes servizos, as arcas municipais rexistrarán un aforro anual que supera os 41.200 euros. Cada un destes locais, supoñía para o Concello un desembolso ao ano de preto de 15.000 euros derivado da suma de conceptos como o aluguer, a limpeza, a seguridade ou as facturas da luz. Só en alugueiros, o Concello abonaba ao mes unha cantidade superior aos 2.800 euros por estes tres locais.
Con esta medida de aforro, o Concello de Ames amosa a súa aposta por seguir optimizando os recursos, reducindo gastos e aproveitando as dependencias municipais. Desde o inicio da actual lexislatura, o Goberno amiense vén levando unha constante labor de redución de gasto público que redundará en beneficio dos veciños e veciñas. O alcalde de Ames, Santiago Amor, agradece aos traballadores/as municipais a súa colaboración e esforzo para levar adiante esta reubicación.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames aforrará máis de 41.200 euros ao ano en alugueres e luz"




