Pestanas principais

O Concello de Ames adxudica as obras que permitirán dotar ao campo de fútbol do Milladoiro de gradas cubertas

Martes, 18 de novembro de 2014

[18-11-2014] O Executivo amiense, reunido en Xunta de Goberno Local, acordou a adxudicación das obras para dotar ao campo de fútbol do Milladoiro dunhas gradas cubertas. O importe total destes traballos, que son posible grazas á colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Ames, ascenderá a máis de 86.563 euros.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou a importancia deste investimento, “que permitirá subsanar unha importante carencia desta infraestrutura deportiva, moi demandada polos clubs deportivos e os usuarios/as deste campo desde practicamente o día da súa inauguración”. O rexedor lembrou, ademais, que o campo carece a día de hoxe dunha zona cuberta para os espectadores, o que dificulta a asistencia de público ao campo nos meses de inverno e nas xornadas caracterizadas polas inclemencias meteorolóxicas.

En virtude do convenio asinado entre o Concello de Ames e a Deputación da Coruña, construírase unha gradaría cuberta no linde de poñente do campo de fútbol. Ademais, a instalación incorpora un espazo reservado para a cantina e aseos. Coa realización desta obra tamén se aproveitará o desnivel do terreo para incorporar na zona debaixo das gradas un espazo para almacén. Os materiais empregados nestes traballos serán o formigón armado (para a estrutura, cuberta e gradas) e taboleiros aglomerados para as divisións da construción e os protectores contra o vento dos ocos.