Pestanas principais

O Concello de Ames adxudica as obras de mellora das condicións de seguridade peonil en Biduído de Arriba

Sábado, 09 de febreiro de 2013

[09-02-2013] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames vén de dar luz verde á adxudicación dos traballos que permitirán mellorar a seguridade peonil no lugar de Biduído de Arriba. Nestas obras, que levará a cabo a empresa Excavaciones Pose, investiranse máis de 52.300 euros. Esta é a terceira parte duns traballos que mellorarán a seguridade dos peóns que circulan por esta zona; as outras dúas partes comprenden o tramo da estrada entre Milladoiro e Ventín, e entre Ventín e Biduído. Estas obras están incluídas no convenio asinado recentemente coa Deputación da Coruña, que permitirá a posta en marcha de diferentes obras que teñen que ver coa mellora de estradas, canalización de pluviais e seguridade viaria en varios puntos do Concello.

Na zona na que se pretende actuar existe unha vía asfaltada, prevista para a circulación de vehículos en dobre sentido, cun ancho medio de 4,30 metros e limitada por cunetas sen ningún tipo de acondicionamento para uso peonil. A vía soporta unha gran carga de tráfico, xa que comunica como estrada máis curta ós núcleos de Bertamiráns e Milladoiro.

Na actualidade, a sección da vía é tal que carece de beirarrúas a ambos marxes da mesma, polo que o acceso peonil é moi estreito co conseguinte perigo que iso supón. Os traballos a executar consisten na colocación na cuneta dun colector de pluviais en PVC, previa colocación dunha capa de area e, sobre esta canalización, executarase unha soleira de formigón realizada in situ cun ancho medio de 1 metro e un groso aproximado de 10 centímetros. Os accesos peonís levarán no seu percorrido arquetas-sumidoiros que irán conectadas á canalización de PVC, para permitir a evacuación das augas pluviais. Deste xeito, conséguese que a circulación dos peóns se poida realizar nunhas condicións máis seguras.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames adxudica as obras de mellora das condicións de seguridade peonil en Biduído de Arriba"