Pestanas principais

O Concello de Ames adxudica as obras de mellora da seguridade peonil entre Milladoiro e Ventín

Martes, 01 de xaneiro de 2013

[01-01-2013] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames vén de dar luz verde á adxudicación dos traballos que permitirán mellorar a seguridade peonil entre Milladoiro e Ventín. Nestes traballos investiranse máis de 54.100 euros. Estas obras están incluídas no convenio asinado recentemente coa Deputación da Coruña, que permitirá a posta en marcha de diferentes obras que teñen que ver coa mellora de estradas, canalización de pluviais e seguridade viaria en varios puntos do Concello.

Na zona na que se pretende actuar existe unha vía asfaltada, prevista para a circulación de vehículos en dobre sentido, cun ancho medio de 4,30 metros e limitada por cunetas sen ningún tipo de acondicionamento para uso peonil. A vía soporta unha gran carga de tráfico, xa que comunica como estrada máis curta ós núcleos de Bertamiráns e Milladoiro.  

As obras que se levarán a cabo permitirán mellorar a seguridade dos peóns que circulen por esta zona. Os traballos a executar consisten na colocación na cuneta de colector de pluviais e de saneamento en PVC, previa colocación de capa de area e, sobre esta canalización, execución de soleira de formigón realizada in situ cun ancho medio de 1 metro e un groso aproximado de 10 centímetros. Os accesos peonís levaran no seu percorrido arquetas-sumidoiros que irán conectadas á canalización de PVC, para permitir a evacuación das augas pluviais. Deste xeito, conséguese que a circulación dos peóns se poida realizar nunhas condicións máis seguras.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames dedicará 54.000 euros a mejorar la seguridad peatonal"