Pestanas principais

O Concello de Ames adxudica a obra de urbanización da área de reparto S-09 Raíces, en Biduído

Xoves, 04 de outubro de 2012

[04-10-2012] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames acaba de aprobar a adxudicación da obra de urbanización da área de reparto S-09 Raíces. Esta obra ten un custo de 156.377 euros, e permitirá rematar os traballos que quedaron pendentes tras a quebra da empresa promotora.

O Concello de Ames deu hoxe un paso máis para que a urbanización do sector S-09 Raíces poida ser finalizada. A Xunta de Goberno Local adxudicou os traballos de urbanización que permitirán rematar as obras que quedaron por facer tras a quebra da promotora e a execución do aval depositado. A construción dos edificios levaba parella a obriga de executar as obras de urbanización, que non se chegaron a rematar.

O sector S-09 Raíces emprázase ao sur do concello, no límite do termo municipal que linda co municipio de Teo, na parroquia de Biduído. A adxudicación desta obra por parte da Xunta de Goberno Local permitirá rematar a execución dun ramal viario, executar un tramo de beirarrúa e o remate da calzada. Así mesmo, está pendente o acondicionamento de zona verde pública e a dotación de mobiliario. Ademais, poderase finalizar a acometida de saneamento na zona.

Entre os traballos de urbanización pendentes atópanse os resanteos, escavación de gabias para canalizacións, melloras no sistema de abastecemento e rego, así como no alumeado público e de xardinería.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames adxudica a obra de urbanización da área de reparto S-09 Raíces, en Biduído"