[20-08-2012] A Xunta de Goberno local acaba de aprobar a adxudicación da obra de ampliación do saneamento no lugar de Ponte Loureiros pertencente á parroquia de Covas, unha actuación incluída no POS complementario de 2011. Esta obra, que foi adxudicada á empresa Martínez Montes Hijos SL, ten un custo de 43.590 euros que é sufragado pola Deputación da Coruña. No Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial 2011 tamén se incluíron os proxectos de saneamento e abastecemento de auga potable nos lugares de Guimaráns e Tarrío, pertencentes á parroquia de Bugallido, e a pavimentación do camiño que vai da Ponte Maceira a Carballo pasando por Trasmonte.
O Concello de Ames está ampliando a rede de saneamento por todo o territorio amiense. Desta forma, investiranse 43.590 euros, para levar a cabo o proxecto de ampliación de saneamento no lugar de Ponte Loureiros, pertencente á parroquia de Covas. Para executar esta obra, a Xunta de Goberno local acaba de aprobar a adxudicación desta obra incluída no Plan de Obras e Servizos complementario de 2011. A empresa Martínez Montes Hijos SL será a encargada de executar este proxecto.
Esta obra contempla a canalización de 896 metros de tubaxe de PVC de distinto diámetro (860 metros de 250 milímetros de diámetro e 36 metros de 160 milímetros de diámetro), para o saneamento cos correspondentes pozos de rexistro e arquetas de saneamento. Haberá que executar 20 pozos de rexistro en calzada. Previamente, realizarase a escavación dunha faixa e, posteriormente, procederase ao recheo compactado desta. Para finalizar, contémplase a reposición do pavimento afectado pola execución das obras cun semellante ao existente.
No Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial 2011 tamén se incluíron os proxectos de saneamento e abastecemento de auga potable nos lugares de Guimaráns e Tarrío, pertencentes á parroquia de Bugallido, e a pavimentación do camiño que vai da Ponte Maceira a Carballo pasando por Trasmonte.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames adxudica a obra de ampliación do saneamento en Ponte Loureiros"




