[15-12-2014] O Concello de Ames adxudicou de maneira definitiva á UTE Acciona Agua Espina Servicios a concesión do ciclo integral da auga por un prazo máximo de nove meses, non prorrogables. A decisión aprobouse na Xunta de Goberno Local celebrada o venres, tras ser valorada na mesa de contratación do pasado mes de novembro.
A oferta económica da adxudicataria acada un canon inicial de 280.000 euros. Ademais ofrece unha rebaixa aos usuarios e ao Concello do 15% sobre o prezo das obras que sexa necesario acometer no relativo ao abastecemento de auga e saneamento.
A concelleira de Medio Ambiente, Eugenia Martín, indica que a adxudicación á UTE Acciona Agua Espina Servicios representa “un aforro moi importante para o Concello”. En concreto, Martín asegura que entre o custo anual deste servizo, uns 300.000 euros, e o canon que ingresa a empresa “aforraremos ata 525.000 euros nos nove meses de contrato”.
Servizo de monitores nos comedores escolares municipais
Na Xunta de Goberno Local do Concello de Ames tamén se adxudicou á empresa A Billarda o servizo de Monitoraxe na Rede Municipal de Comedores Escolares. O contrato terá unha duración máxima de execución dun ano e medio dende o día 1 de xaneiro do 2015, podendo prorrogarse por un máximo de dous anos e medio. O importe da oferta económica é de 13’90 euros o prezo por hora de cada monitor, 13’00 euros á hora do coordinador e 8’50 euros o prezo por hora do servizo de limpeza, máis IVE.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames adxudica á UTE Acciona Agua Espina Servicios a concesión do ciclo integral da auga"
La Voz de Galicia: "La UTE Acciona y Espina Servicios se hace con el concurso del agua de Ames"