- Tematica
O Concello de Ames volve alertar da necesidade de acometer as obras de reparación da presa da Ponte Maceira. Esta contorna natural, declarada BIC no ano 2017, estase a degradar debido á non reparación da ruptura producida na súa presa no ano 2022. Ademais deste deterioro do espazo monumental e natural, debido a esta problemática, súmanse as posibles complicacións que poidan existir á hora de realizar a captación de auga no río Tambre para abastecer á veciñanza de Ames no caso de seca.
En agosto do 2023, a Xunta de Galicia informou que o proxecto de reconstrución da presa de A Ponte Maceira estaba sendo ultimado e xa na fase de ”supervisión e tramitación”. Este investimento, que se estima que será de preto de 400.000 euros, é cualificado polo alcalde como “imprescindible e inaprazable”. O rexedor, Blas García, explicou que “a reparación da presa e da contorna da Ponte Maceira responde tanto a cuestións de conservación do patrimonio como a cuestións de abastecemento en caso de seca. A presa é un elemento fundamental para a nosa captación de auga no río Tambre”.
Polo momento, non hai risco de desabastecemento de auga para a poboación amesá, segundo confirmou o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, pois “o nivel do río supera en 5cm a tubaxe que serve de captación, pero o que si vimos observando é que, debido á ruptura da presa, o nivel vén sendo máis baixo do habitual que nos últimos veráns, o que representa un potencial perigo no caso de seca”.
Dende os Concellos de Ames e Negreira, realizáronse comunicacións alertando do preocupante estado dos arredores deste BIC, aludindo á necesidade de limpeza e reparación dos muíños, piares e a xa mencionada presa, así como peticións de xuntanzas coa conselleira responsable, Ángeles Vázquez, para recibir información e previsións sobre as tan necesarias actuacións a realizar.
No pleno ordinario do pasado mes de maio, o grupo de goberno presentou unha declaración institucional, aprobada pola unanimidade dos grupos da Corporación municipal, instando á Xunta de Galicia a acometer de forma urxente as obras do proxecto técnico anunciado no ano 2023 para a a reconstrución da presa da Ponte Maceira e, nomeadamente, á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a un plan de actuación para o arranxo de toda a contorna da Ponte Maceira.
Cada gota conta
Por outra banda, dende o Concello de Ames e a empresa pública, Augas de Ames, faise un chamamento á moderación e á responsabilidade no consumo de auga para o que resta de verán e, en especial, durante as próximas semanas.
Algunhas das medidas que pode aplicar a veciñanza de xeito sinxelo na campaña de “Cada gota conta”, poden ser: usar a ducha en lugar do baño; usar a lavadora completa; limitar o cambio de auga de piscinas; non empregar o váter como papeleira; racionar a auga para o rego; optimizar o lavado de vehículos; revisar posibles fugas de auga; pechar a billa mentres se lavan os dentes, ou limitar o baldeo e limpeza das rúas.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, fai tamén un chamamento á calma debido a que “na actualidade non temos un problema de abastecemento”, pero recalca que é necesaria “moderación e responsabilidade no emprego da auga para non sufrir nas últimas semanas de verán”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O proxecto para reparar a presa da Ponte Maceira, na fase final"
AMSGO!: "A non reparación da presa da Ponte Maceira pode acarrear dificultades na captación de auga no Tambre"
Xornal de Compostela: "O Concello de Ames reclama á Xunta que execute xa a reparación da presa da Ponte Maceira"





